O PCRG celebra en Ourense o seu 1º Congreso

Redacción A Nova Peneira

O pasado 31 de marzo o Partido Comunista pola República Galega celebrou o seu 1º congreso na cidade de Ourense. Esta organización política, que ten como presidente de honra ao histórico sindicalista Moncho de Barreras, tivera o seu congreso constituínte hai dous anos na localidade de Teo, e estes días celebraron o seu primeiro congreso . Nós conversamos con dous dos seus cadros políticos, ambos con moita historia militante nas súas costas: Manolo Garrido e Moncho Lareu. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Moncho Lareu, membro do Comité Central e Manolo Garrido militante do PCRG

“Nós non nos facemos fotos nin con Mouriño , nin con Santi Rey nin con Amancio Ortega. Para iso xa está Ana Pontón”

Fixestes hai dus anos o congreso fundacional en Teo, e hai escasas semanas o primeiro congreso en Ourense. Por que Teo? E por que Ourense?

A escolla de Teo foi por comodidade, é un sitio que lle queda máis ou menos accesible a todas a militancia. O caso de Ourense foi diferente, ten un significado histórico. Fixemos o noso primeiro congreso nesa cidade como homenaxe ao histórico dirixente comunista Benigno Álvarez asasinado no 37.A nosa vontade e a nosa aspiración permanente é buscar a unidade dos comunistas galegos.

Non será unha aspiración metafísica?

Non. É unha aspiración política.

Nestes dous anos que transcorreron desde o congreso fundacional ata o pasado congreso de Ourense cal foi a vosa actividade política?

Consistiu en tratar de fornecer a organización a través de continuos contactos con colectivos e individuos ao longo de todo o país.

E que valoración facedes deses contactos?

En liñas xerais moi positiva. Algúns saíron ben e outros non tan ben pero xa che digo que do resultado global quedamos moi satisfeitos.

Podedes salientar algún en concreto ?

Se cadra os que mantivemos coa corrente sindical da CIG Causa Obreira. Houbo unha moi importante coincidencia con eles.

Aínda vos queda algún colectivo organizado cos que poidades contar no futuro?

Algún pequeno e moi interesante aínda queda por aí, si.

Agora Galiza está con vós?

Chegamos a ter unha especie de unidade de acción pero a cousa non callou.

O corpo fundamental da vosa militancia de onde procede?

De moitos sitios diferentes. Inicialmente as persoas que formamos o partido procediamos, na súa maioría da organización xuvenil Xeira, da FPG, pero nestes dous anos fómonos nutrindo de persoas de moi diversa procedencia. Incluso temos compañeiros e compañeiras que proceden de partidos comunistas non independentistas.

Cales son os principais principios políticos do PCRG?

-A construción do socialismo en Galicia

-O Comunismo a nivel internacional

-A independencia de Galicia

-A liberación da muller

-O antiimperialismo

No punto do independentismo está todo o partido de acordo?

Si.

Todo, todo, Manolo?

Se mo preguntas a min en concreto, a resposta é si. Galicia é unha nación é debe aspirar a ser un estado político.

E en realidade hai necesidade na sociedade galega de crear unha organización que recolla eses parámetros de acción política?

Si, haina porque non os podemos atopar en ningunha outra organización.

No BNG tampouco?

Non. O BNG non é unha forza comunista. Defínese así a UPG que é unha parte do bloque, non o bloque. E o resto de cuestións se cadra podemos albiscalas pero de forma timorata. Nós non facemos fotos nin con Mouriño, nin con Santi Rey nin con Amancio Ortega para iso xa está Ana Pontón.

Entón non sentarse con ese perfil de persoas é unha liña vermella para vós?

Por suposto. Nós somos comunistas.

Ben. E a partir de agora cales van ser as vosas principais liñas de actuación política?

Este é un partido en continua elaboración. Seguiremos en permanente construción e iremos intentando ir sumando máis comunistas ao noso proxecto político. Seguiremos traballando nos sindicatos e no mundo estudantil. Daremos moita importancia á formación política de cadros.

Cando falas de sindicatos inclúes a todo tipo de sindicatos?

Non. Obviamente non incluímos a sindicatos amarelos nin ao que son meros entes de xestión como CCOO e UGT. Referímonos fundamentalmente á CIG e á CUT.

Tedes algún tipo de penetración no universo estudantil?

Estamos comezando.

Tedes previsto a corto prazo presentarvos a algún proceso electoral?

A curto prazo non está entre as nosas prioridades pero non é algo que desbotemos nin moito menos.

No actual contexto histórico pódese aspirar a transformar a realidade sen presentarse aos procesos electorais?

Nós preguntámonos se presentarse ás eleccións serve para transformar a realidade. Xa che digo que non é algo que desbotemos. Chegado o momento haberá que analizalo. Agora estamos nun momento de fornecer o partido tanto con cadros políticos como coa ampliación da base social.

Entrevista a Moncho Lareu no blogue El Bloque del Este

Moncho Lareu Riveiro estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e é profesor de Lingua Galega e Literatura en secundaria. Militou en Estudantes Independentistas na universidade e foi fundador da organización xuvenil Adiante. Foi candidato á alcaldía de Vigo pola Frente Popular Galega en 2007 e 2011. Participou na fundación de Anova en 2012 e na do Partido Comunista pola República Galega en 2021.

EBdE–Por que o independentismo callou dentro do pobo galego? Os galegos participaron activamente nos levantamentos do 2 de maio, o trienio liberal, o federalismo de Pi i Margall…

ML–O federalismo foi moi importante en Galiza no século XIX e na primeira metade do XX. Aureliano Pereira redacta cos delegados galegos do Partido Republicano Federal un Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego e os federalistas galegos consiguen melloras para o noso País no marco da Iª República española. Os nacionalistas galegos da IIª República, con Castelao á cabeza, adoptan inicialmente o federalismo e apostan por unha Galiza federada con Portugal, España, Euskadi e Catalunya dentro dunha Confederación Ibérica. Nas mesmas claves se moven os militantes galegos do PCE con Benigno Álvarez á cabeza e a Unión Socialista Galega de Xohán Xesús González.

Todo isto cae derrotado polo golpe, guerra e xenocido posterior. Xa no exilio, un Castelao decepcionado cos republicanos españois comeza a apostar claramanente pola independencia. Anos máis tarde, cando aparecen o Partido Socialista Galego e a Unión do Pobo Galego, esta última comeza a combinar dunha forma clara a loita de clases coa loita de liberación nacional. Xa nos anos 70 e 80 prodúcense dúas rupturas no seo da UPG entre os militantes que apostan claramente pola independencia nacional e os timoratos. Dos primeiros nacen o Partido Galego do Proletariado e o Partido Comunista de Liberación Nacional, antecesores do actual comunismo galego de praxe independentista.

EBdE–Por que Mao Zedong é unha referencia no comunismo galego?

ML–Castelao, que non era comunista, pero admiraba á Unión Soviética porque era republicano e antifascista, botara man das teorías de Stalin para demostrar que Galiza é unha nación, pero cando nos anos 60 do século XX a nova xeración de comunistas da Galiza Interior, apoiada por veteranos como Luís Soto ou Celso Emilio Ferreiro, forma a Unión do Pobo Galego, esta bebe dos procesos de liberación nacional do terceiro mundo e dos procesos de descolonización. Tanto Mao na China coma Ho en Viet Nam, Fidel en Cuba ou Nasser, Ben Bella, Lumumba ou Sankara en África, pasan a ser referentes da primeira xeración de nacionalistas galegos de esquerda que combinan sen complexos marxismo e independentismo. Mao, ademais, dota a ese novo movemento emancipador dunhas aportacións teóricas moi avanzadas e bastante acaídas á realidade económica e social da Galiza da época, unha nación periferia da periferia.

EBdE–É aplicábel un estado federal para o estado español cando as autonomías só teñen segregado a economía?

ML–Os comunistas galegos defendemos que un estado confederal ou federal só se pode construír pola unión libre de nacións ou pobos anteriormente independendentes que deciden ceder parte da súa soberanía ao común. Non se pode elaborar unha estrutura política deste tipo, federal ou confederal, en base a concesións de competencias do Estado pre-existente ás súas partes, ás súas rexións, por moitas que sexan estas. Iso xa existe coas actuais autonomías e o federalismo en si é outra cousa moi diferente. E como ben dis, as autonomías, ao igual que as deputacións provinciais, tan só serven para que vivan delas os mesmos parasitos de sempre, burguesías nacionais e os que aspiran a selo, como acontece en Galiza cos dirixentes do Bloque Nacionalista Galego, aos que hai que diferenciar das súas bases.

EBdE–Seguen en Galiza activas as loitas sindicais polos convenios xustos?

ML–O sindicalismo en Galiza é moi importante ao longo dos últimos 50 anos. A folga de 1972 en Ferrol e Vigo é un acontecemento sen igual no movemento obreiro europeo e permítenos falar dunha realidade sindical galega completamente singular e independente da española a partir dese momento. A CIG, sendo unha central de ámbito exclusivamente galego, é o terceiro sindicato do Estado en número de militancia e de delegados. A CUT, sendo máis cativa, ten aportado pola súa parte uns graos de coherencia sindical e de combatividade moi altos. É certo que o sindicalismo no ámbito do Estado ten caído nuns niveis de burocratización e dependencia política/partidaria moi altos. Estes fenómenos en Galiza, malia estar presentes, son bastante menores grazas á hexemonía da CIG, que tamén os sufre, e en menor medida da CUT, que é allea a eles e incluso os combate. O nivel de movilización obreira e sindical en Galiza é, xunto con Euskadi, moito maior que no resto dos Estado.

EBdE–A COVID19 ten agudizado as dificultades dos traballadores de Galiza?

ML–Claramente. Esta crise súmase á anterior e, á súa vez, súmase á anterior. A clase traballadora galega non sae dunha e xa entra noutra. Nos anos 80 comezamos coa reconversión industrial do felipismo, nos 90 seguimos co desmantelamento do sectores primario e secundario e coa terciarización da economía da man do fraguismo que apostaba por converter Galiza nunha colonia turística, na década seguinte chega a crise do 2007-2008 e cando aínda non sairamos dela, chega a pandemia e a conseguinte crise posterior. O pobo traballador galego non levanta cabeza, as novas xeracións non teñen perspectivas vitais nin poden ter plans de futuro. Urxe unha resposta. E esta só pode vir da man da organización e da loita. 

EBdE–Por que a dereita española en Galiza aposta por non usar a lingua galega?

ML–En Galiza non hai burguesía nacional. Dende hai séculos as oligarquías son foráneas e os postos directivos das administracións e das sucursais das grandes empresas están en mans de xente de fóra de Galiza. Estas élites sempre falaron na lingua do imperio e trataron o galego coma un dialecto. Fixéronlle crer ao pobo galego que o ascenso social estaba en mudar a lingua propia pola deles. Así consiguen que os fillos falen diferente ás nais e pais e aceleran a asimilación cultural de Galiza. A asimilación cultural supón a negación nacional, a desaparición do que somos actualmente e do que queremos ou queiramos ser nun futuro.

EBdE–Por que hai independentistas galegos que reivindican a Enrique Lister? Era español e fundador do PCOE.

ML–Líster foi un comunista pertencente a unha familia de labregos e canteiros de Calo, unha aldea próxima a Compostela. Galegofalante dende cativo, formouse na Academia Frunze e foi oficial de máximo rango do Exército Popular e do Exército Vermello. Cando formou o PCOE, estableceu alianzas coa esquerda independentista galega representada nese momento por Galicia Ceibe (Organización de Liberación Nacional) e participou nas movilizacións do Día da Patria Galega ao carón de Luís Soto, fundador da UPG e do PGP. Destas alianzas xurdiron nas municipais do 1983 as Candidaturas de Unidade Popular. Líster é un referente para o comunismo galego, ao igual que outros comunistas que non eran especificamente indepedendentistas, pola súa coherencia política, a súa entrega militante e pola súa proximidade coas posicións politicas e partidarias máis emancipadoras para o noso País.

EBdE–Quen foron Henriqueta Outeiro e Amada García?

ML–Dúas mulleres galegas comunistas, moi avanzadas para o seu tempo e loitadoras contra a adversidade que levaron o seu compromiso político e social até as últimas consecuencias. Son dous referentes para o noso movemento marxista. Dous nomes coñecidos que encabezan un colectivo de mulleres galegas anónimas que ergueron a resistencia contra o fascismo e contra a ignonimia. Falamos de obreiras, amas de casa, labregas, traballadoras do mar, que ninguén coñece pero que estiveron aí. A guerrilla antifascista galega contou con mulleres, non só collendo as armas, senón tamén en labores de apoio e abastecemento. Sen elas, a resistencia non tería durado tanto. Henriqueta, Amada e Carmen Miguel Agra son referentes coñecidos, pero hai moitas máis. O tempo porá os seus nomes na historia. 

https://oscar-elbloquedeleste.blogspot.com/2022/04/entrevista-moncho-lareu-riveiro.html

Entrevista a Moncho Lareu n´A nova Peneira

Recentemente coñecemos o nacemento dun novo suxeito político en Galicia: O PCRG (Partido Comunista pola República Galega). Nós falamos cun dos membros da súa dirección política, o profesor vigués Moncho Lareu.

ANP–Moncho, es un rapaz novo pero levas toda a vida metido no mundo da política. Estiveches na FPG, en Anova e agora comezas unha nova etapa. Como, cando, por que e para que nace o PCRG?

ML–Ao rematar a xeira política anterior, a que comeza co 15M –aínda que en Galiza comezou antes que no Estado, Anova naceu antes que Podemos– aquí, estabamos marcados polos movementos de Galiza Non Se Vende ou Nunca Máis. Isto plásmase nunha nova forma política, pero non como “nova política”, ese termo nunca me gustou, o que había que recuperar era a política.

ANP–Antes de que existiades vós con aquel Novo Proxecto Común que cristalizou en Anova-Irmandade Nacionalista, non existía a política en Galicia?

ML–Existía unha política bastante apresada, despois do bipartito houbo como un impasse político onde non se estaba dando resposta á crise do 2008. Así comezou esta xeira que tivo o seu momento culminante coa primavera municipalista do ano 2015.

ANP–Aquí chegastes a ter alcaldes en Ferrol, A Coruña e Santiago, non?

ML–Si, exactamente. E seis deputados en Madrid.

ANP–Isto foi durante un mes, cando se repetiron as eleccións baixastes a cinco, e creo que 14 deputados no parlamento galego. Mesmo neste momento culminante, non tiñades implantación nas vilas e nas aldeas. Incluso as alcaldías das grandes cidades estaban un pouco collidas por pinzas, non tiñades base e militancia que puidera soster esta situación.

ML–Efectivamente, houbo unha xeira de eleccións moi seguidas e non nos permitiu nunca que todo este proxecto se sostivera cun corpo militante suficientemente numeroso. Tamén cómpre dicir que había vilas nas que tiñamos gobernos como Cangas, Sada ou Teo. Creo que isto das mareas foi o maior fenómeno de auto organización en Galicia desde Nunca Máis. Non chegou a callar por dúas cuestións. A primeira porque non se chegaron a organizar a nivel nacional para ser un suxeito político de ruptura e, a outra, polas propias dinámicas internas de oportunismos con afán dinamitador desde dentro. O éxito obtido chamou a moita xente oportunista. E tamén polos ataques externos das forzas do réxime.

ANP–Cales son as forzas do réxime?

ML–PP, PSOE e BNG.

ANP–O BNG tamén?

ML–Si, demostrouno con creces ademais. Tamén os poderes fácticos como a banca ou a prensa rexionalista, con El Correo Gallego, por exemplo.

ANP–Podemos identificar a algún deses que lles chamas oportunistas?

ML–A xente de Cerna e a xente que logo estivo a carón de Villares.

Volvendo á primeira pregunta. Na revista Espiral, unha revista independentista de debate, analizamos hai tempo que este ciclo político rematara. A partir de aí comezamos a ter charlas e debates. O PCRG nace destas conversas e de movernos polo País.

ANP–Quen son os que tedes estas conversas ou facedes estes movementos polo País?

ML–Xeira, Movemento pola Base, FPG.

ANP–A FPG está finiquitada?

ML–Si.

ANP–Anova está finiquitada?

ML–Anova está moi debilitada.

Nestas conversas démonos de conta de que tiñamos a necesidade de abandonar estas estruturas tan gasosas ou etéreas e volver a ter o que é un partido de cadros e disciplinado que soporte mellor os embates do inimigo. Un partido de cadros pero que queira sumar máis xente.

ANP–Imaxino que teredes outra serie de obxectivos estratéxicos máis ambiciosos que sinxelamente aguantar os ataques do inimigo?

ML–Si, claro. Comezando por xuntar no mesmo partido a todos os comunistas galegos que estean pola independencia de Galicia e por una República Galega.

ANP–Só os comunistas?

ML–Si.

ANP–Aos socialdemócratas non?

ML–Unha vez que teñamos o Partido haberá que facer alianzas, a partir de aquí haberá que pensar en crear organizacións máis grandes. De momento aínda non estamos nisto.

ANP–Entón non son o voso inimigo e considerares a posibilidade de tecer pactos ou alianzas no futuro.

ML–Efectivamente.

O día da presentación xa indicamos que temos como obxectivo aportar as nosas ideas e propostas, traballar en positivo e a reunificación do sindicalismo galego e de clase.

ANP–Isto cres que é posible?

ML–Está difícil pero ten que ser un obxectivo. Se non pode ser a curto prazo terá que ser a longo prazo, pero hai que intentalo.

ANP–Falabas que un dos vosos obxectivos é recoller no PCRG a tódolos comunistas que traballan pola independencia do país. Sendo comunista e federalista, é posible ter cabida na vosa organización.

ML–Para ser un auténtico federalista hai que ser antes independentista. Unha nación, para federarse con outra, primeiro ten que ter soberanía política e decidir por si mesma.

ANP–Inclúes á UPG no conxunto de comunistas galegos que aspirades a reunir?

ML–Creo que a UPG deixou de ser comunista desde a ruptura do 76 e confirmouse na ruptura do 86. É un partido idealista e anti-materialista, pero de marxista non ten nada.

ANP–Despois da vosa presentación non se soubo nada máis de vós, en que momento político estades agora?

ML–Estamos traballando nas células e no Comité Central, en configurar o traballo de cada área para construír o Partido.

ANP–Ides ter unha executiva clásica con secretario ou secretaria xeral?

ML–Teremos o noso primeiro congreso nun corto prazo de tempo para poder constituír e designar ao noso secretario ou secretaria xeral. Esperemos que poida ser antes dun ano.

ANP–Falo de memoria, pero na nota de prensa que mandastes falabades de 121 persoas no grupo constituínte. De todo o país ou dalgunha comarca concretamente?

ML–De todo o país, xa levamos traballando desde o 30 de maio desde un primeiro congreso errado e inconcluso. Non se nos deixou coller as rendas da organización aínda que gañamos o congreso e a partir de aí comezamos a traballar xa neste novo partido. Así comezamos a percorrer o País, falamos con xente que militara no PCLN nos anos 80, na FPG nos anos 90, xente que estivera na UPG, sindicalistas. Conseguimos ilusionar a bastantes persoas ao longo do País e no congreso houbo unha representación territorial moi importante.

ANP–Había xente histórica do nacionalismo?

ML–Si. Decidiuse no congreso non publicar fotos da xente que asistía por propia petición dalgunhas persoas presentes porque de momento non queren connotarse.

ANP–Vouche preguntar por algúns e contesta se podes. Gladys Afonso estaba?

ML–Non.

ANP–Mariano Abalo?

ML–Non estivo, pero pode estar.

ANP–Manolo Camaño?

ML–O mesmo.

ANP–Ides convertervos nun suxeito electoral?

ML–O tema electoral ímolo deixar en barbeito de momento, imos ver como van evolucionando as cousas e cando cheguen as municipais do 2023 miraremos se apoiamos algunhas candidaturas municipais ou se é preciso nalgún concello crear ou fomentar algunha candidatura de unidade. Agora estamos en construír desde a base.

ANP–Comentábasme que tedes a idea de manter unha praxe política absoluta e diametralmente oposta á que mantiveron as Mareas de organizacións construídas de arriba abaixo cun obxectivo claramente electoralista sen asegurar uns alicerces que a sustentaran. Vós ides a crear corpo, corpo militante, este vai ser o voso traballo político inmediato. Cando teñades este corpo pensaredes en asaltar metas maiores non?

ML–Tamén en tecer alianzas que son precisas e construír desde abaixo, isto é o importante para non cometer os mesmos erros. Imos facer fincapé no tema da formación política e ideolóxica da xente máis nova, tanto da militancia como da xente externa que se vaia achegando.

ANP–E neste contexto tan horrible de voracidade do liberalismo económico ves verosímil que mozos e mozas de 20 ou 25 anos síntanse cómodos recibindo formación teórica marxista?

ML–Paréceme moi necesario. Eu traballo no ensino e hai rapaces no meu instituto que cantan o “Cara el sol”. É moi necesario reverter esta situación.

ANP–Estades ilusionados co proxecto?

ML–Tanto eu como os meus compañeiros e compañeiras, mesmo a xente maior ca min de entre 50 e 60 anos. É unha marabilla traballar así.

ANP–E tedes xente nova?

ML–Si, tamén. A maioría da xente é menor de 30 anos, a media de idade do Comité Central é moi nova.

Entrevista a Ramón Lareu en Nós Diario

O Partido Comunista da República Galega (PCRG) está a presentar a súa proposta á sociedade nestas semanas. O membro do Comité Central da formación, Ramón Lareu, explica a Nós Diario os eixos centrais da alternativa e as propostas de actuación a curto prazo.

ND–Veñen de comezar unha xeira de presentación da súa organización en diversas localidades galegas, sobre que bases se articula o seu partido e cales son os seus obxectivos?

RL–Trátase dun proxecto partidario comunista, polo tanto, a base do proxecto érguese sobre a certeza da división da sociedade en clases. Este é o combate que vertebra as nosas vidas de xeito consciente ou inconsciente, e os partidos comunistas son o intento dun segmento da clase traballadora de enfrontar este embate de maneira certeira.

O noso obxectivo principal é derrubar as diferenzas que posibilitan a existencia de diferentes partidos comunistas. Noutras palabras, o noso obxectivo principal é destrozar a acción fragmentada da nosa clase, sermos capaces de enfrontar o futuro cru que nos ven enriba mediante unha única ferramenta de clase, ese é o obxecto principal desta aposta. E se nos fixamos en todos os procesos históricos; os nomes, logos ou slogans só encarnan vontades pasaxeiras, e isto vertebra a nosa construción partidaria, a sapiencia que estamos de paso, que o noso partido é o partido comunista que precisamos neste momento e que nunca vai ser suficiente por si só de gañar a loita de clases.

A nosa aposta inmediata pasa pola unidade todos comunistas galegos nun só partido. Un partido de clase, combativo, non dogmático e con moral de vitoria. Que non aspire a competir no mercadeo político,  a xestionar o existente, nin a substituír a outras marcas; que aspire a toma do poder político mediante a revolución proletaria para construír a república socialista galega

ND–Sinalaba nun artigo de prensa que as eleccións galegas significaron a apertura dun novo ciclo político no país, cales son as súas características e en que se diferenza do anterior?

RL–Entendemos que vivimos unha recomposición de réxime, onde a esperanza dunha saída “reformista” á crise material que padece a nosa clase se dilúe, e con ela a expresión político-institucional que a representaba en Galiza.

O mapa electoral do noso país volve á estabilidade previa á crise con tres forzas comprometidas coa disciplina do réxime que fan o reparto de poder simbólico da autonomía. A práctica totalidade da esquerda institucional da Galiza e do conxunto do Estado Imperialista Español está absolutamente coaptada polo réxime. Cómpre estudar a realidade socioeconómica galega, a composición de clases da nosa nación e a súa posición na división internacional do traballo. Cremos que Galiza é unha nación, que, inda que na periferia do mesmo, forma parte do centro imperialista mundial, que é unha sociedade capitalista, urbana e que non ten pendente ningunha revolución burguesa nin democrática.

A nosa tarefa é aglutinar aos elementos mais avanzados, lúcidos, conscientes e combativos do proletariado, arredor do cerebro colectivo que nós chamamos partido comunista para avanzar na destrución do Estado burgués que nos oprime mediante a independencia nacional e a revolución socialista.

ND–Estamos nun momento marcado na esfera internacional por un conflito armado entre Rusia e Ucraína, que análise fan sobre o mesmo?

RL–Primeiro de todo cremos que debemos rexeitar terminoloxía importada da historiografía bélica burguesa, como “xeopolítica” ou “realpolitik”, que suxiren unha sorte de volatilidade e subxectividade nas posición ao respecto dos conflitos internacionais. Os conflitos bélicos internacionais responden á forma que adopta a contradición capital traballo na división internacional deste último. O imperialismo mundial está formado polo bloque occidental de Estados Unidos e Unión Europea e máis polo seu grupo terrorista, a OTAN, o sionismo mundial materializado no Estado criminal de Israel e os seus estados sátrapas satélites coma Arabia Saudita e Marrocos.

O bloque imperialista ante á crise do capitalismo e a súa necesidade de acumulación e expansión busca a desestabilización do eixo de resistencia formado por Siria, Palestina, Haezbollah e o Irán, o bloque antiimperialista latinoamericano capitaneado pola heroica Cuba e o mundo multipolar implantado pola fortaleza política, militar e económica de Rusia e de China, apoio económico, diplomático e militar dos anteriores. O conflito en Ucraína comezou co golpe de Estado  fascista financiado e patrocinado polo imperialismo para implantar un goberno agresivo e hostil a Rusia nas súa fronteira. O réxime xenocida e criminal ucraíno leva, desde entón, oito anos perpetrando unha política abertamente fascista, coa incorporación ao Estado e aos seus corpos represivos de todos os grupos nazis e ultrareaccionarios do país, practicando persecución política e  física ao movemento obreiro, limpeza étnica e rusofobia.

A posición do noso partido é clara: apoiamos a autodeterminación das repúblicas populares do Donbass, a condición nacional rusa de Crimea, a desnazificacióin total e efectiva de Ucraína e a disolución do organismo criminal chamado OTAN. O desnorte e claudicación da inmensísima maioría da esquerda europea non se debe a ningún tipo de ¨subxectivismo xeopolítico¨, débese a que a súa condición eminentemente pequeno burguesa lévaos a estar comprometidos e disciplinados cos seus estados burgueses imperialistas. Nós estamos coa posición dos comunistas rusos e ucraínos e coa resistencia antiimperialista mundial.

ND–Volvendo a Galiza, como analizan o actual momento económico e social e que alternativas formulan ao respecto?

RL–O momento é de crise, é moi evidente que desde 2008, a acumulación de capital no noso país non tivo ningún momento de saúde, non houbo ningún momento de “reconstrución” desa crise, senón que houbo unha longa depresión que entronca con outra crise (que non é a do covid-19). Vivimos tempos de crise, tempos nos que o capital esta imposibilitado a reproducirse, polo tanto, de ofrecer a reprodución da forza de traballo, é dicir, vivimos a imposibilidade agravada do capital de asalariar a clase traballadora.

E isto conduce a un escenario de empobrecemento crecente da nosa clase, coa conseguinte agudización da loita de clases. Conscientes disto e xunto coa resposta a anterior pregunta, a nosa clase pode producir dúas respostas ante este recrudecemento do seu futuro. Por un lado, asustarse ante un futuro incerto e prestarse a un programa interclasista, onde o malo é un foráneo do este. Polo outro lado, culpar acertadamente das súas condicións de vida a clase parasitaria que ten enfronte. E nesa dualidade política que nos abre o futuro, os comunistas si temos unha gran responsabilidade.

Trazaremos un programa de confrontación de clase, unha aposta política acertada na  sinalización e culpabilización da outra clase, unha fronte avanzada que non erre de inimigo. A partir do cal, vemos indispensable a formulación dun programa socialista de construción económica do país. O capital estase a desindustrializar, a nosa aposta socialista debe vertebrar o territorio e a clase nunha serie de ramas de produción nas que poidamos suxeitarnos e competir a nivel internacional baixo unha dirección socialista nunha república galega.

ND–As eleccións municipais do vindeiro ano significan a apertura dun novo ciclo electoral na Galiza, que ten pensado facer o seu partido nas mesmas e nas próximas eleccións estatais?

RL–Os comunistas sabemos que ningún cambio substancial virá dado pola participación nas elección burguesas, e menos nun Estado do centro imperialista que inda encima ten unhas estruturas anquilosadas que non foron depuradas da ditadura terrorista do fascismo. Alén disto moitos de nós fomos testemuñas en primeira persoa, durante o ultimo ciclo político, da degradación, asimilación e putrefacción moral á que o electoralismo feroz pode someter á militancia política e social das esquerdas, e incluso a autodenominados comunistas.

Porén non descartamos ningún ámbito de actuación de forma categórica, e somos conscientes das oportunidades axitativas, propagandísticas e aglutinantes que poden ter os procesos electorais, sendo o caso das elección municipais onde historicamente mais interveu o movemento revolucionario galego e onde quedan exemplos de dignidade política e posición avanzada dentro das institucións, que observamos, contemplamos e valoramos.

Chegado o momento analizaremos caso por caso os contextos e posibilidades que ofrece cada espazo de intervención, tamén no electoral, e tomaremos a posición que máis beneficiosa sexa para o avance da nosa liña política e da consciencia da nosa clase.

https://www.nosdiario.gal/articulo/politica/vivimos-recomposicion-rexime-onde-esperanza-dunha-saida-reformista-dilue/20220322094309139596.html