Unha Traizón ás Raíces, un Ataque ás Masas – Hector S.

Esquerda Unida naceu en 1986 como unha coalición de forzas políticas de esquerdas, en resposta ao referendo sobre a permanencia de España na OTAN. Este movemento reflectía unha forte oposición á militarización e á influencia estadounidense en Europa, e consolidouse como un pilar da súa identidade política. 

Esa era a súa liña vermella fundacional e a base da súa acción política. 

Podemos, que inicialmente xurdiu do espírito do 15M co lema “O PSOE e o PP son a mesma merda”, rematou xustificando pactos co PSOE. Por exemplo, o apoio á reforma laboral de 2020, que a pesar das súas melloras, deixou intactos aspectos fundamentais criticados pola esquerda. Ademais, a lei mordaza, aprobada en 2015, segue sen ser derrogada, a pesar das promesas de cambio. 

Podemos, rematou xustificando o “mal menor” de pactar co PSOE, caeu nunha trampa de compromisos crecentes que socavan os seus principios fundacionais. De “mal menor” en “mal menor”, acabamos nun escenario onde as concesións acumuladas erosionaron significativamente a capacidade da esquerda para impulsar un cambio verdadeiro e profundo. 

Isto ten como consecuencia: Dilución de Principios Ideolóxicos, Perda de Credibilidade e Apoio Popular, Estancamento en Reformas Clave, Normalización de Políticas Insuficientes. 

A pregunta de se un partido socialdemócrata pode evitar trair os seus principios fundamentais pon de relevo un dilema esencial na política: a tensión entre os ideais e o “pragmatismo”. 

A historia recente de moitos partidos socialdemócratas en Europa e outros lugares ilustra estas dinámicas. Por exemplo, o Partido Socialista Francés (PS) e o Partido Laborista Británico enfrontaron críticas por adoptar políticas que se perciben como traições aos seus principios fundamentais de xustiza social e protección laboral. 

Parece que triunfa a política de non facer ruído, do acordo e do “pragmatismo”. Sen embargo, os intereses da nosa clase son antagónicos aos da burguesía. Polo tanto, non pode haber un acordo verdadeiro, máis aló da devolución da plusvalía que o empresario rouba do noso traballo. 

Sabemos que pactar co PSOE implica deixar nas súas mans os chamados ministerios de Estado, o que significa que, en esencia, non cambia gran cousa. A lei mordaza segue sen ser derrogada, e a reforma laboral parcheouse co aval da CEOE. 

Se había dúbidas, que sempre as había aínda que escasas, de se se podía caer máis baixo, o ocorrido nos prolegómenos do Primeiro de Maio foi unha mostra diso.

Pedro Sánchez escribiu unha carta na que falou da guerra xurídica e suxeriu a posibilidade de dimitir. O formato elixido non foi un comunicado oficial, senón unha carta, o cal é un matiz importante. 

Unha carta espera unha resposta. Atopouna na resposta da militancia do PSOE e en algunhas outras respostas… 

Unha das esas respostas foi protagonizada por Esquerda Unida. “Esquerda Unida chama á mobilización para defender a democracia ante os ataques e desestabilización da dereita. O 1 de maio todos á rúa a defender a democracia e os dereitos dos traballadores e das traballadoras” 

“…Ante a ofensiva reaccionaria, mobilización social, valentía transformadora e responsabilidade democrática.” 

A verdadeira emancipación dos traballadores non pode acadarse protexendo a democracia burguesa, un sistema que perpetúa a explotación da clase traballadora. A mobilización social debe ir máis alá de defender os dereitos dentro do capitalismo, buscando unha transformación revolucionaria completa que estabeleza o socialismo e a ditadura do proletariado, onde o poder estea nas mans dos traballadores. 

Esta valentía transformadora debe acompañarse dunha estratexia concreta para a toma do poder político e a abolición da propiedade privada, desafiando as regras do capitalismo e construíndo unha sociedade sen clases. A mobilización debe centrarse na intensificación da loita de clases, preparando á clase traballadora para confrontar directamente a burguesía e establecer unha nova orde baseada na xustiza social e a igualdade. 

Defender a democracia burguesa é, en última instancia, perpetuar un sistema que explota á clase traballadora. A verdadeira emancipación dos traballadores non pode lograrse protexendo unha estrutura que está deseñada para oprimilos. 

Non estou en contra da reforma en sí mesma, sempre e cando esta siga a liña establecida previamente, sen realizar concesións que comprometan os principios fundamentais e favorecendo a protección dos traballadores. Iso si, tendo nun horizonte planificado, os obxectivos que debe ter todo comunista e unha liña politica acorde con esos obxectivos.

Edu, Teto, Miguel… o castigo exemplar – Moncho L.

O Estado ten o monopolio da violencia. É algo que non se di en ningunha lei. Sería  raro. Ningún estado recoñece ser violento contra a súa poboación, e moito menos selo  en exclusividade. Eu militei con xente á que se lle pasou pola cabeza desputarlle ao  Estado o monopolio da violencia. Fixémolo moitas. En folgas, en piquetes, en  asembleas. Sen dubidalo e sen pedir permiso. 

Militei con Miguel, e foi condenado por “terrorismo”. Militei con Antón, e foi  represaliado por “terrorismo”. Militei con Uxío e con Xulio, e foron encarcerados por  “terrorismo”… Cadros admirábeis, moi formados, xente que ía a aulas, eran os mellores  nas mesmas e eran conscientes da súa clase. Pariotas, fillos do proletariado, os mellores  da súa xeración, bos e xenerosos. 

Cando volvín da universidade coñecín xente coma Óscar, Teto, Diego, Edu… rapaces  do seu barrio, fillos de limpadoras, de citroneiros, de vitraseiros, de metaleiros. Máis  xenerosos. Eran celtarras, da vella AMI, precarios, autónomos, expulsados dun sistema  de gañadores e perdedores, porén loitadores: nos sindicatos, nas organizacións, nos  centros sociais: Revolta; Faísca, Guindastre… 

Deron un paso adiante, atrevéronse,.. e o Estado dixo: ollo! E recibiron castigos  exemplares, para que ti aprendas, para que eu aprenda, para que quede claro quen  manda. “Cabezas de turco”, que se di. Antifascistas, comunistas, anarquistas,  independentistas… Do FRAP, do PCE(r), de Galicia Ceibe,… da CUT, da CIG, do  Sindicato Labrego… Autoorganización popular: todas “terroristas”. 

Porén…, se somos clase traballadora, e queremos conquistar o poder para nosa clase e  a liberdade para o noso País, debemos teimar, tomar Partido, sermos conscientes da  forza do inimigo e dotármonos dunha forza parella: sermos 20 mil, 50 mil, 100 mil  militantes organizados e disciplinados… Nunca van poder con nós. Por elas, por eles.  Benvido a casa, Edu.

Telegram é o pico da montaña

V. V. Sánchez

O aparello do Estado é a organización violenta dunha clase (dominante) sobre outra (dominada). Aprendemos sen embargo outra historia na escola, aprendemos que un estado é un sinónimo dun país, aprendemos tamen a convertir a maiúscula en minúscula. Mais non. O Estado é o monopolio da violencia, no noso caso concreto, a violencia é exercida polos capitalistas, en formas organizativas mais ou menos cohesivas e de modo mais ou menos aparente. Xa explicou Carlos Marx iso do fetichismo da mercadoría: disfrazar algo do que non é (redundante non?), disfrazar de relacións monetarias as relacións sociais de produción. Disfrazar a violencia, a subordinación, o poder, o intercambio desigual, ca máscara da libre acción entre iguais. Disfrazar a violencia, a coerción, de paz social. Pero ca polémica de Telegram, unha vez mais, o demo vístese de Prada.

As ideas dominantes de cada época son as ideas da clase dominante, non por ningún tipo de teleporte cuántico raro senón polo control delas: televisión, radio, prensa escrita… os medios “tradicionais” están claramente subordinados á financiación ben do propio Estado (medios públicos, con maior ou menor control deles) ben do propio entramado empresarial (Prisa, Vocento, Henneo, Grupo Godó…). Comprendemos entón a falsísima dicotomía de chamar a estas fontes “tradicionais” en vez de medios de propaganda. Todos facemos propaganda. Na Galiza Socialista faremos propaganda, haberá medios oficiais e disidentes, dicotomía na cal actúan os intereses de clase, que son históricos, cambiantes e concretos. Por iso non é a mesma censura a exercida polo Estado Español que pola República Popular de China que pola capitalista Federación Rusa. Agora ben, situémonos no espazo e no tempo, e concretemos a nosa estratexia dixital fronte ao capitalismo e ó Estado burgués. Se ben moitos desexamos que bombardeen tiktok, comprendemos tamén o que agocha a súa prohibición en Yankilandia: unha aplicación allea a Google ou Facebook (agora META pero non esquencemos que Facebook sentouse nos tribunais por traficar co datos de todos nós) con tantos usuarios non lles gusta. A data dos usuarios é golosamente susceptible de monopolizar e os Estados capitalistas e as empresas que os controlan teñen unha fame estrutural.

O fundador de ВКонтакте (“en contacto”, BContact) fundou Telegram no exilio. En 2012 o FBI pecha megaupload, a maior web mundial de intercambio de arquivos P2P (peer to peer). Que si que Kim Dotcom era un putero millonario. Que carallo nos importa? Todo o que se lle imputa son excusas para non confesar “temos o monopolio da información e a Hollywood non lle gusta a túa web (pero tranquilo virán nuns anos Netflix, HBO e demais monopolios financeiros que si que nos gustan)”. En 2019 e tras anos de conflitos polo copyright, España, perdón, o Estado Español -aprobada en 2012 a nova lei de copyright “lei Sinde” e en 2015 a “Tasa Google”, que pecha 122 webs de compartición de archivos- leva a Alberto García Solá (fundador), Alexis Hoepfner (derradeiro e maior accionista), Jordi Tamargo e David Martínez ao tribunal de xustiza por SeriesYonkis. Foron absoltos. Por sorte, o mais grande proxecto de liberdade dixital que existe no mundo segue activo, ninguén o pode derrubar e se chama Sci-Hub, fundado por Alexandra Elbakyan, unha muller kazaja que confesa que o motor do seu proxecto son as ideas comunistas, e que “o coñecemento é de todos”. Alexandra escribiu nun día o código dunha web que hoxe partilla millóns e millóns de publicacións científicas, rompendo o paywall e subíndoas de balde.

Semella ser polo de agora unha “patinada” dun xuíz que non sabe o que é internet, pero como vimos, un acto tal de censura non é pioneiro na historia, e nin de lonxe será o derradeiro. Non nos sorprende, pero si que nos debería de indignar. Mentres tanto, seguiremos loitando por unhas comunicacións privadas, aquel principio que creou internet.

Deixo aqui un tutorial de cómo seguir utilizando Telegram en España, se voltase suceder:


https://unlocoysutecnologia.com/acceso-telegram-bloqueo/

https://gist.github.com/ccorderor/d7dc8027766a6f5d038cc1873f164985

Pola Amnistía Total

Comité Central do Partido Comunista pola República Galega.

A arbitrariedade da aritmética no parlamentarismo burgués converteu a Amnistía no debate político e mediático do Estado Español. Sabendo da fraxilidade e límites aos que está sometida a lóxica da representación e a legalidade vixente exhortamos ás diferentes esquerdas parlamentarias e ao movemento popular a ser mais ambiciosos, serios e esixentes na súa profundidade e aplicación:

1) Coñecemos e somos escépticos dos ínfimos límites de actuación no marco legal e institucional vixente, porén, somos partidarios de explorar cada oportunidade que permita avanzar nos dereitos materiais e democráticos da clase traballadora.

2) Sabemos que unha amnistía implica un recoñecemento tácito da ilexitimidade, xa sexa total ou parcial, da normativa legal vixente. Ademais, tamén representa un precedente que atemoriza ao Estado. É por iso que tanto a esquerda do Réxime, xa sexa a nivel político (máis ou menos radicalizada) como a nivel mediático e xudicial, mostra unha gran preocupación e cautela á hora de considerar a súa aplicación.

3) Cremos firmemente que o conxunto de presos, encausados e exiliados derivados do conflito político entre o pobo catalán e o Estado deben ser amnistiados.

4) Así mesmo, cremos coa mesma firmeza que a Amnistía non se pode limitar aos independentistas/soberanistas cataláns represaliados. As esquerdas parlamentarias do resto do Estado (BNG, EH Bildu e Sumar), así como os sindicatos tanto estatais como nacionais e o conxunto dos movementos sociais deberían facerse valer esixindo unha aplicación completa da medida.

5) Non só existe un movemento de liberación nacional con represaliados no Estado; as forzas políticas e sociais vascas e galegas deberían aproveitar esta circunstancia parlamentaria e mediática para esixir os dereitos democráticos dos seus (nosos) presos políticos independentistas.

6) Tamén existen, alén dos militantes dos movementos de liberación nacional, neste Estado milleiros de traballadores represaliados, con multas millonarias, cárcere e incluso exilio pola súa participación en folgas, mobilizacións, plataformas da vivenda, pola súa militancia política, por montaxes policiais, por mera persecución arbitraria e, incluso por cantar, os cales deberían ter, sen excepcións, acceso completo á “medida de gracia”.

7) Cremos que a ampliación desta medida aos conxuntos de represaliados pola violencia policial e xudicial do Réxime do 78, non é só xusta política e humanamente, se non que ademais é fondamente útil e pragmática, porque redunda na unidade de clase, na solidariedade e desmonta os falsos discursos prefabricados sobre os “privilexios dos independentistas”, redundando nunha maior empatía e comprensión do conxunto de traballadores e movementos populares do Estado cos movementos de liberación nacional e viceversa.

8) Esta medida tamén debería axudar a poñer no debate medidas de hixiene democrática mínima como a urxente disolución de tribunais de excepción como a fascista Audiencia Nacional, de réximes criminais como o FIES e CIES e a depuración dos corpos policiais, militares e xudiciais de fascistas e torturadores.

9) Esiximos con contundencia a completa derrogación da Lei Mordaza e da Lei de Partidos. Tras múltiples promesas electorais por parte dos partidos da esquerda do réxime para revogar a Lei Mordaza, o actual proceso de amnistía evidencia que non hai escusa válida para non derogar tanto a Lei Mordaza como a Lei de Partidos e calquera outra lei que, na súa esencia, restrinxa as liberdades fundamentais.

10) Por todo o anterior pomos a disposición as nosas humildes achegas e folgos militantes ao conxunto de forzas políticas, sindicais e sociais democráticas e populares para contribuír ao debate e aplicación dunha Amnistía Total.

Pola abolición de todos os encausados pola súa participación nas loitas obreiras e democráticas!!

Polo retorno de todos os exiliados!!

Pola liberdade de todos os presos políticos!!

AMNISTÍA TOTAL!!!

En Galicia no Outono do 2023.

Movementos socialistas, brecha xeracional e estado burgués

Nas distintas nacións oprimidas polo Estado Imperialista Español e polo resto de estados imperialistas de Europa Occidental, está a xurdir unha fractura xeracional e de clase no seo do movemento obreiro e popular que supón un deslindamento co nacionalismo etnicista e interclasista e tamén co electoralismo e coas lóxicas socialdemócratas e economicistas herdadas da II Internacional. Críticas xustas e rupturas necesarias e valentes que, porén, poden chegar a presentar algúns problemas no seu artellamento que debemos analizar en común de forma construtiva todos os revolucionarios que estamos pola reconstrución dun movemento revolucionario e proletario sen hipotecas nin ambigüidades. Vaiamos por partes:

  1. Motivos obxectivos e xustos do seu xurdimento

1.1 A xeración emerxente e constituínte destes movementos comunistas e/ou socialistas está inmersa nun proceso de proletarización na que viven materialmente peor que os seus pais, e na que as capas intermedias da sociedade xa están absolutamente coaptadas polo estado burgués. Dificultades económicas e carencia de certezas, expectativas e proxeccións vitais. Esta xeración só viviu en crise.

1.2 Enésima constatación do fracaso da vía reformista. Nos distintos estados do centro imperialista, incluído o Estado Español e nas nacións baixo o seu xugo, xurdiron, ao calor da crise económica movementos socialdemócratas máis ou menos “radicais” que apostaron por unha saída institucional/ electoral e/ou economicista e de mobilización de masas abstracta. Moitos destes movementos acadaron certas cotas de poder institucional, evidenciando todos eles a imposibilidade absoluta da vía que propoñen. Os mozos comunistas fan ben en non analizar dende o simple prisma moral da traizón esta vía errada; trátase da imposibilidade material de facer políticas reformistas no seo dun estado do centro imperialista: non hai marxe de manobra para a socialdemocracia. Eles son os utópicos e idealistas: a única vía materialmente practicable é a proletaria e revolucionaria.

1.3 Limites materiais do movemento independentista catalán. A “revolución pasiva” practicada polos axentes políticos, económicos e mediáticos da pequena e mediana burguesía catalá, reconducindo todo o movemento cara a lóxica autonomista e institucional, e a incapacidade do movemento de non ser fagocitado por estes axentes, mostrou ás claras os límites da estratexia do independentismo catalán. As dúas “almas” deste movemento en aparente tensión e disputa, tanto a “cidadanista, democrática e republicana” como a “procesista e nacionalista”, evidenciaron unha errática política de alianzas e de intervención; nin a Unidade Patriótica, nin a mal chamada Unidade Popular, nin os movementos “cidadáns” teñen capacidade para saír da lóxica burguesa, institucionalista, interclasista de representación e coaptación. Sen independencia de clase non será posible a destrución do estado burgués español.

1.4 Derrota estratéxica e/ou claudicación da esquerda abertzale. Durante décadas, moitas veces por méritos propios e outras por incapacidade allea, o movemento político e militar da esquerda abertzale serviu de “faro moral” para varias xeracións de militantes que vían con simpatía como ETA, KAS, HASI, HB ou Jarrai eran un crebacabezas para o Estado Español e un referente de combatividade e implantación social. A derrota/entrega política, militar e ideolóxica da esquerda abertzale oficial supuxo un golpe moral para varias quintas de militantes revolucionarios, pero tamén un debate xusto e necesario sobre os motivos de tal derrota. Foi un problema táctico ou estratéxico? Simplemente había traidores ou un problema estrutural? As respostas neste sentido nunca son totalmente absolutas, pero coido que os rapaces do movemento comunista acertan ao sinalar os problemas ideolóxicos que foron o caldo de cultivo desta dexeneración política: predominio excesivo da tensión nacional sobre a de clase; concepción terceiromundista dun movemento no seo do centro imperialista; e alianzas interclasistas aparelladas ás dúas anteriores: sen independencia de clase non haberá República Socialista de Euskal Herria.

  1. Potenciais, problemas, desviacións e debates

2.1 Exceso de adanismo. Todos os movementos de ruptura revolucionaria teñen unha forte compoñente xeracional a nivel estrutural, e está ben que así sexa. É así pola recomposición material do proletariado e do proletariado emerxente, coas súas necesidades materiais particulares e coas súas inquedanzas revolucionarias concretas. Pero esta realidade obxectiva non pode levarnos a cortar o noso “fío vermello da historia”, a aprender das valiosas xeracións de militantes anteriores, incluso das máis derrotadas, e usar a súa experiencia en derrotas e vitorias e a intuición da veteranía para enriquecer os novos procesos revolucionarios retroalimentando o cerebro colectivo da nosa clase. Non podemos caer na cerrazón xeracional nin nas perigosas teorías do “poder adulto”. Aínda que a forza e dirección do movemento sempre será empurrada maioritariamente por unha xeración determinada, aproveitemos as mans e as cabezas de todos os efectivos dispoñibles e apliquemos a sa tensión educativa entre a experiencia da veteranía e o ímpeto da mocidade.

2.2 Deslindamento na cuestión nacional. Un exceso de reacción ás políticas interclasistas e etnicistas do nacionalismo poden situar ao movemento na desviación contraria: nunha sorte de nihilismo ou indeterminación nacional que sexa funcional para o nacionalismo español. Non se está facendo con esta análise a estúpida e ruín arma arroxadiza que Bildu e o nacionalismo catalán ou galego usan contra os comunistas da súas nacións tachándoos de “españolistas”, simplemente se advirte dunha política centrada, xusta e independente tamén na cuestión nacional.

2.3 Desconfianza, receo e cerrazón. As inxustas, histriónicas e virulentas campañas de acoso e desprestixio que os comunistas sofren por parte da socialdemocracia desorientada, así como a xusta necesidade de seguridade, discreción e vixilancia, poden levar a estes incipientes e prometedores movementos a un exceso de bunkerización. A desconfianza e o celo cara potenciais aliados nacionais e internacionais hai que neutralizalos, con solidariedade, achegamentos e debate aberto e franco.

2.4 Modelo organizativo. A política esclerótica e fosilizada –que moitas organizacións pretendidamente revolucionarias practican– acompañada do autismo, mecanicismo e rutina táctica que exercen, poden levar(nos) aos novos destacamentos revolucionarios a desconfiar ou rexeitar os modelos orgánicos que esas organizacións din ter (e que, por suposto, nunca teñen) e tachalos de obsoletos ou oxidados, sinalando a parte polo todo, e podendo caer nun certo nihilismo organizativo que nos leve ao espontaneísmo.

  1. Síntese Revolucionaria. Partidos Comunistas. Repúblicas Socialistas

3.1 A aparición destes incipientes movementos no seo do centro imperialista mundial, só poden ser un motivo de ledicia e optimismo revolucionario que os comunistas debemos saudar efusivamente para aumentar a nosa moral de combate e de vitoria.

3.2 Temos a obriga de coordinar todos os destacamentos revolucionarios que nacen nas nacións e pobos do Estado Imperialista Español co obxectivo de debater en común, deslindar, aprender mutuamente e construír as ferramentas de combate máis eficientes.

3.3 A aprendizaxe e ensinanzas mutuas téñense que dar tanto entre as diferentes realidades nacionais baixo o xugo deste estado burgués, como entre as diferentes xeracións militantes, coas súas particularidades e experiencias enriquecedoras.

3.4 A forma política a que temos que aspirar é a construír en cada unha das nosas nacións o Partido Comunista fortalecido por todos os continxentes e destacamentos militantes que están aberta e decididamente dispostos a combater contra o estado burgués e implantar a democracia proletaria: a República Socialista. Nesta tarefa ninguén sobra e todos temos que aportar: mozos, veteranos, mulleres, homes, nativos, migrantes… todos formamos a clase obreira de cada unha das nosas nacións.

Viva a Revolución Socialista! Viva o Internacionalismo Proletario!

Félix Outeiriño

Galiza, agosto do 2022.