Unha Traizón ás Raíces, un Ataque ás Masas – Hector S.

Esquerda Unida naceu en 1986 como unha coalición de forzas políticas de esquerdas, en resposta ao referendo sobre a permanencia de España na OTAN. Este movemento reflectía unha forte oposición á militarización e á influencia estadounidense en Europa, e consolidouse como un pilar da súa identidade política. 

Esa era a súa liña vermella fundacional e a base da súa acción política. 

Podemos, que inicialmente xurdiu do espírito do 15M co lema “O PSOE e o PP son a mesma merda”, rematou xustificando pactos co PSOE. Por exemplo, o apoio á reforma laboral de 2020, que a pesar das súas melloras, deixou intactos aspectos fundamentais criticados pola esquerda. Ademais, a lei mordaza, aprobada en 2015, segue sen ser derrogada, a pesar das promesas de cambio. 

Podemos, rematou xustificando o “mal menor” de pactar co PSOE, caeu nunha trampa de compromisos crecentes que socavan os seus principios fundacionais. De “mal menor” en “mal menor”, acabamos nun escenario onde as concesións acumuladas erosionaron significativamente a capacidade da esquerda para impulsar un cambio verdadeiro e profundo. 

Isto ten como consecuencia: Dilución de Principios Ideolóxicos, Perda de Credibilidade e Apoio Popular, Estancamento en Reformas Clave, Normalización de Políticas Insuficientes. 

A pregunta de se un partido socialdemócrata pode evitar trair os seus principios fundamentais pon de relevo un dilema esencial na política: a tensión entre os ideais e o “pragmatismo”. 

A historia recente de moitos partidos socialdemócratas en Europa e outros lugares ilustra estas dinámicas. Por exemplo, o Partido Socialista Francés (PS) e o Partido Laborista Británico enfrontaron críticas por adoptar políticas que se perciben como traições aos seus principios fundamentais de xustiza social e protección laboral. 

Parece que triunfa a política de non facer ruído, do acordo e do “pragmatismo”. Sen embargo, os intereses da nosa clase son antagónicos aos da burguesía. Polo tanto, non pode haber un acordo verdadeiro, máis aló da devolución da plusvalía que o empresario rouba do noso traballo. 

Sabemos que pactar co PSOE implica deixar nas súas mans os chamados ministerios de Estado, o que significa que, en esencia, non cambia gran cousa. A lei mordaza segue sen ser derrogada, e a reforma laboral parcheouse co aval da CEOE. 

Se había dúbidas, que sempre as había aínda que escasas, de se se podía caer máis baixo, o ocorrido nos prolegómenos do Primeiro de Maio foi unha mostra diso.

Pedro Sánchez escribiu unha carta na que falou da guerra xurídica e suxeriu a posibilidade de dimitir. O formato elixido non foi un comunicado oficial, senón unha carta, o cal é un matiz importante. 

Unha carta espera unha resposta. Atopouna na resposta da militancia do PSOE e en algunhas outras respostas… 

Unha das esas respostas foi protagonizada por Esquerda Unida. “Esquerda Unida chama á mobilización para defender a democracia ante os ataques e desestabilización da dereita. O 1 de maio todos á rúa a defender a democracia e os dereitos dos traballadores e das traballadoras” 

“…Ante a ofensiva reaccionaria, mobilización social, valentía transformadora e responsabilidade democrática.” 

A verdadeira emancipación dos traballadores non pode acadarse protexendo a democracia burguesa, un sistema que perpetúa a explotación da clase traballadora. A mobilización social debe ir máis alá de defender os dereitos dentro do capitalismo, buscando unha transformación revolucionaria completa que estabeleza o socialismo e a ditadura do proletariado, onde o poder estea nas mans dos traballadores. 

Esta valentía transformadora debe acompañarse dunha estratexia concreta para a toma do poder político e a abolición da propiedade privada, desafiando as regras do capitalismo e construíndo unha sociedade sen clases. A mobilización debe centrarse na intensificación da loita de clases, preparando á clase traballadora para confrontar directamente a burguesía e establecer unha nova orde baseada na xustiza social e a igualdade. 

Defender a democracia burguesa é, en última instancia, perpetuar un sistema que explota á clase traballadora. A verdadeira emancipación dos traballadores non pode lograrse protexendo unha estrutura que está deseñada para oprimilos. 

Non estou en contra da reforma en sí mesma, sempre e cando esta siga a liña establecida previamente, sen realizar concesións que comprometan os principios fundamentais e favorecendo a protección dos traballadores. Iso si, tendo nun horizonte planificado, os obxectivos que debe ter todo comunista e unha liña politica acorde con esos obxectivos.