Comité Central do Partido Comunista pola República Galega.
A arbitrariedade da aritmética no parlamentarismo burgués converteu a Amnistía no debate político e mediático do Estado Español. Sabendo da fraxilidade e límites aos que está sometida a lóxica da representación e a legalidade vixente exhortamos ás diferentes esquerdas parlamentarias e ao movemento popular a ser mais ambiciosos, serios e esixentes na súa profundidade e aplicación:
1) Coñecemos e somos escépticos dos ínfimos límites de actuación no marco legal e institucional vixente, porén, somos partidarios de explorar cada oportunidade que permita avanzar nos dereitos materiais e democráticos da clase traballadora.
2) Sabemos que unha amnistía implica un recoñecemento tácito da ilexitimidade, xa sexa total ou parcial, da normativa legal vixente. Ademais, tamén representa un precedente que atemoriza ao Estado. É por iso que tanto a esquerda do Réxime, xa sexa a nivel político (máis ou menos radicalizada) como a nivel mediático e xudicial, mostra unha gran preocupación e cautela á hora de considerar a súa aplicación.
3) Cremos firmemente que o conxunto de presos, encausados e exiliados derivados do conflito político entre o pobo catalán e o Estado deben ser amnistiados.
4) Así mesmo, cremos coa mesma firmeza que a Amnistía non se pode limitar aos independentistas/soberanistas cataláns represaliados. As esquerdas parlamentarias do resto do Estado (BNG, EH Bildu e Sumar), así como os sindicatos tanto estatais como nacionais e o conxunto dos movementos sociais deberían facerse valer esixindo unha aplicación completa da medida.
5) Non só existe un movemento de liberación nacional con represaliados no Estado; as forzas políticas e sociais vascas e galegas deberían aproveitar esta circunstancia parlamentaria e mediática para esixir os dereitos democráticos dos seus (nosos) presos políticos independentistas.
6) Tamén existen, alén dos militantes dos movementos de liberación nacional, neste Estado milleiros de traballadores represaliados, con multas millonarias, cárcere e incluso exilio pola súa participación en folgas, mobilizacións, plataformas da vivenda, pola súa militancia política, por montaxes policiais, por mera persecución arbitraria e, incluso por cantar, os cales deberían ter, sen excepcións, acceso completo á “medida de gracia”.
7) Cremos que a ampliación desta medida aos conxuntos de represaliados pola violencia policial e xudicial do Réxime do 78, non é só xusta política e humanamente, se non que ademais é fondamente útil e pragmática, porque redunda na unidade de clase, na solidariedade e desmonta os falsos discursos prefabricados sobre os “privilexios dos independentistas”, redundando nunha maior empatía e comprensión do conxunto de traballadores e movementos populares do Estado cos movementos de liberación nacional e viceversa.
8) Esta medida tamén debería axudar a poñer no debate medidas de hixiene democrática mínima como a urxente disolución de tribunais de excepción como a fascista Audiencia Nacional, de réximes criminais como o FIES e CIES e a depuración dos corpos policiais, militares e xudiciais de fascistas e torturadores.
9) Esiximos con contundencia a completa derrogación da Lei Mordaza e da Lei de Partidos. Tras múltiples promesas electorais por parte dos partidos da esquerda do réxime para revogar a Lei Mordaza, o actual proceso de amnistía evidencia que non hai escusa válida para non derogar tanto a Lei Mordaza como a Lei de Partidos e calquera outra lei que, na súa esencia, restrinxa as liberdades fundamentais.
10) Por todo o anterior pomos a disposición as nosas humildes achegas e folgos militantes ao conxunto de forzas políticas, sindicais e sociais democráticas e populares para contribuír ao debate e aplicación dunha Amnistía Total.
Pola abolición de todos os encausados pola súa participación nas loitas obreiras e democráticas!!
Polo retorno de todos os exiliados!!
Pola liberdade de todos os presos políticos!!
AMNISTÍA TOTAL!!!
En Galicia no Outono do 2023.