1972 en Vigo. Antecedentes e formación de actores alternativos

Isidro Román Lago

Hai pouco máis de 50 anos, en 1972, Galiza era un fervedoiro social, tanto, que moitos chegaron a cualificala como a vangarda do proletariado do Estado español. Non obstante, a memoria das tres grandes mobilizacións obreiras que tiveron lugar ese ano correu sorte diversa. Marzo de 1972 en Ferrol converteuse a partir dos anos 80 nunha referencia simbólica, non só de lembranza, senón tamén de semente de loitas presentes e vindeiras. Esta utilización como elemento simbólico a partir da institucionalización do día máis tráxico do conflito, o 10 de marzo, como Dia da Clase Obreira Galega, contrasta co esquecemento das outras dúas grandes mobilizacións dese ano: a folga do estaleiro Barreras, convertida en folga xeral de sector en maio, e a Folga Xeral de Setembro, as dúas na cidade de Vigo.

Estas dúas mobilizacións foron moito máis potentes e innovadoras que a acontecida en Ferrol, entón porqué foron “borradas” da memoria colectiva? Evidentemente carecen do elemento tráxico, pero ademais a súa potencia e non compartir como en Ferrol a dirección exclusiva do PCG, teñen moito que ver no seu esquecemento.

No caso da folga de Barreras a dirección do PCG está ausente, e no caso da Folga Xeral de Setembro a mobilización foi compartida con outra organización. Este feito dotou a estas dúas mobilizacións dunha serie de dinámicas, tanto a nivel de extensión, de medios e de obxectivos concretos, ben diferentes a cantas mobilizacións se tiñan producido ate o momento, e serviron para incorporar ao repertorio de mobilización empregado polos traballadores novos tipos de accións que reflectiron un novo tipo de conflito.

Estas características novas do proceso de mobilización que aparecen en Vigo e a súa potencialidade como referente a seguir polo traballadores, fixeron que o actor político dominante nese momento, o PCG-COs (Comisións Obreiras)1, decidirá inmediatamente despois do remate da Folga Xeral de Setembro elaborar un relato do acontecido que o situase lonxe da loita de clases para inscribilo dentro da súa axenda política: a loita contra a ditadura e polas liberdades, inxerida dentro da súa política de reconciliación nacional, baleirando as mobilizacións tanto da súa compoñente de clase, como ignorando os seus elementos máis innovadores. Este relato foi exclusivo ate hai ben pouco e continúa a ser claramente o relato dominante. Así pois, o que vas comezar ler agora, si esta breve introdución foi capaz de captar o teu interese, é un relato alternativo e dende unha perspectiva de clase a partir dunha análise dinámica deses dous episodios combativos, a folga de Barreras de maio de 1972 e a Folga Xeral de Setembro en Vigo.

Para ser capaces de comprender o que acontece en Vigo naquel 1972 temos que partir dúas consideracións previas.

En primeiro lugar, hai que ter claro que a ausencia de actividade combativos nunha sociedade non significa, per se, a inexistencia de actores combativos. Isto quere dicir que aínda que nunha visión epidérmica non sexamos capaces de identificar elementos de fractura, estes poden estar actuando a un nivel “subterráneo” no que podería ser un proceso de reorganización de efectivos.

En segundo lugar, debemos de ir abandonando a idea de que tan só a través das organizacións formais se pode canalizar a actividade combativa e que o papel destas na formación de cadros é exclusivo. Aínda máis, os procesos de transmisión da cultura obreira operan ao marxe destas organizacións formais. Con isto non estamos a negar o importante papel das organizacións formais nas tarefas formativas, senón que, en ausencia destas ou en situacións de clandestinidade, a transmisión dos “saberes” tanto organizativos como ideolóxicos continúa a facerse a través doutras canles alternativas.

Estas dúas consideracións son claves para comprender como é posible que en maio de 1962, ano da onda de folgas máis importante dende a fin da guerra civil, de repente e sen que as organizacións propias dos traballadores tiveran unha incidencia relevante na cidade de Vigo, estourara no sector da construción naval primeiro para expandirse despois aos distintos sectores produtivos da cidade, unha potente folga xeral. Si botamos unha ollada a esta gran mobilización antecedente primeiro das do 72, vemos como os dous elementos dos que falabamos antes están plenamente presentes.

A represión que o movemento obreiro sofre na cidade dende xullo de 1936 ocasiona a desaparición física de moitos dos seus cadros dirixentes, pero non de todos eles, de feito sobreviven importantes elementos libertarios, comunistas e socialistas. Tampouco os militantes obreiros de segundo nivel e os de base desaparecen. A partir de 1939 comezan a reconstruír o movemento obreiro organizado. Non obstante, a nova onda represiva que se desata a partir da fin da II Guerra Mundial orixina a caída destas novas estruturas clandestinas en 1947. Inexistentes ou reducidas a moi pequenos círculos as organizacións dos traballadores, os procesos de transmisión da cultura obreira se desprazan cara as redes informais. Hai que ter en conta neste desprazamento da transmisión da cultura obreira un feito que xeralmente non se ten en conta: aqueles mozos e mozas que construíran potentes organizacións na etapa republicana aínda están traballado nas fábricas e talleres da cidade ate ao redor de 1972/1973, momento no que se xubilan. A presenza destes actores, xa adultos, é determinante na formación do novo sindicalismo. Son eles quen transmite aos traballadores máis novos os saberes desa cultura obreira nos espazos e tempos reservados ao descanso: no tempo do bocadillo, nas comidas de empresa, nos vestiarios, ou nos viños despois da xornada laboral. Evidentemente non se vai transmitir unha posición partidista concreta, nin sería interesante, nin sería asumida por uns mozos que na maioría dos casos non tiñan experiencia previa ningunha. Transmítese un xeito de facer (a asemblea de traballadores) e un xeito de organizarse (as comisións de obreiros). Pero xunto con isto, e froito das relacións que se establecen entre vellos e novos traballadores, determinados elementos nas fábricas se van revestindo, aos ollos dos obreiros novos, dun factor de prestixio. Este prestixio que pouco a pouco irán acumulando algún dos vellos cadros sindicais está asentado na súa propia traxectoria persoal que adquire un carácter exemplarizante. Así nolo conta un deses mozos obreiros do 72: “Os vellos nos ensinaron aos rapaces que o militante debe ser o mellor traballador, o máis consciente, e esforzarse en ser o máis preparado, o mellor profesional como unha actitude exemplar (…) e por iso eran respectados estes homes.

Pero esta actitude que transmitían os vellos cadros sindicais era, moitas veces, unha posición consciente, intencionada: “El ejemplo, más que las palabras, debe ser el señuelo que atraiga la simpatía de las personas que nos conocen, pues cuando el uso de la palabra está prohibido y la prensa no circula libremente para difundir las ideas más allá del círculo de nuestras relaciones, nada convence tanto como una actitud moral y rebelde que se mantenga fuerte a la coacción y las amenazas.” Estes cadros sindicais de preguerra que estarán presentes nunha gran parte das grandes empresas de Vigo comezan a denominarse polo conxunto dos traballadores como “fios negros”. A súa influenza e prestixio era tal que podían paralizar unha sección enteira e mesmo unha factoría con tan só un xesto. Na folga de Vigo de 1962 terán a súa primeira manifestación práctica, dando inicio a onda de folgas coa que se retoma a actividade conflitiva a gran escala na cidade. Pero non só están presentes neste rexurdir da conflitividade obreira estes fios negros senón que con eles volverán a aparecer os seus métodos.

Así é, como inicio da mobilización, os cadros obreiros que permanecen activos elixen a sabotaxe para dar o sinal de comezo da mobilización. Nas tres grandes empresas que participan no conflito actúase do mesmo xeito, un corte repentino no fluído eléctrico fai que actividade quede paralizada e os traballadores alentados pola actitude dos fios negros xa non reiniciarán a produción dun xeito total ate transcorridos 15 días. Máis esta folga iniciática para unha gran parte dos traballadores máis novos, conta cunha serie de eivas, precisamente por ser o primeiro intento serio de mobilización xeral dende 1936. Os traballadores serán incapaces de superar nas súas mobilizacións o estreito marco de cada unha das empresas en loita polo que non se trasladará o conflito ao conxunto da sociedade e este esmorecerá dentro das portas das factorías, pero tampouco contarán cunha organización válida capaz de aglutinalos en pos dun obxectivo común.

Estamos nun tempo no que a solidariedade só ten un xeito efectivo de exercese: fronte a un conflito nunha empresa, téntase expandir, aínda que por causas diferentes (as particulares de cada empresa), aos outros centros de traballo orixinando unha tipoloxía de mobilización similar ao desprazamento das ondas na auga. É dicir, trátase de facer coincidir no mesmo marco temporal conflitos diferentes en diferentes empresas. Nesta estratexia contarán cun elemento favorecedor, a Lei de Convenios Colectivos aprobada polo franquismo en 1957 e que viu a posibilitar a negociación das condicións laborais entre os representantes oficiais dos traballadores e empresarios, posibilitando visibilizar os conflitos nos períodos de negociación.

Non obstante, as consecuencias positivas superan con creces as eivas. Unha gran parte dos traballadores novos que non viviran a democracia republicana e nunca pensaron en encadrase dentro das organizacións sindicais clandestinas clásicas (UGT e CNT) teñen o seu primeiro contacto coa loita obreira de masas: “Desde aquel momento eu e outros mitos nos sentimos un pouco partícipes de todo aquilo (…), nese momento cando chegou o 62 me faltaba algo, e era iso precisamente, a partir de aí a cousa cambiou totalmente xa. Eu creo que toda a xuventú que estabamos naquela época, uns máis e outros menos, nos quedamos moi marcados por eso.” Máis tamén será o punto de partida da creación das COs. Nacidas dun xeito espontáneo e non permanente xa nos anos 40, inician un proceso de institucionalización que as levará a adoptar primeiramente un carácter permanente como representantes unitarios do sentir do conxunto dos traballadores dunha empresa concreta, para posteriormente ter un impulso definitivo coa aposta do PCE de potencialas, creándose na maioría dos centros de traballo.

Esta nova organización de base e unitaria, contará coa presenza de todos os sectores ideolóxicos presentes na clase obreira. Non obstante será o PCG, no caso galego, o actor político que máis medios e máis militantes destine á consolidación deste novo tipo de sindicalismo, tanto que estas COs serían impensables sen a súa presenza. Baixo a estratexia de copar o sindicalismo vertical e polo tanto a capacidade de negociación dos convenios, os homes e mulleres das COs preséntanse ás eleccións sindicais oficiais e van gañando peso en cada nova convocatoria. Ao mesmo tempo e vista a capacidade de mobilización que a nova estrutura obreira adquire, o PCE/PCG decide empregala como un medio para por en práctica a súa política de reconciliación nacional.

En Galiza, e máis concretamente en Vigo, é neste momento, cando o control da nova estrutura polo PCG é absolutamente esmagador, cando comezan a aparecer as primeiras posicións críticas. En 1969 un grupo de mozos obreiros comeza a debater nos viños despois do traballo (obsérvese a importancia das redes informais) as políticas que o partido impón nas COs. Critícase a política de reconciliación nacional e a utilización que se fai das mobilización obreiras para difundir esa estratexia concreta. Critícase a falla de potenciación por parte do partido do debate e a falla de información aos traballadores dos verdadeiros motivos das mobilizacións, critícase, incluso, a participación nos procesos electorais do franquismo no mundo do traballo. Todas estas posicións levan a estes traballadores a propoñerse constituír un grupo, que mantendo o traballo nas COs e no propio partido teña unha orientación claramente marxista-leninista.

Pero o que os mozos integrantes deste grupo non saben é que simultaneamente e no seo das Xuventudes Comunistas, outro grupo de mozos, algúns obreiros e outros estudantes, comezan a reflexionar sobre estes mesmos asuntos, chegando a posicións idénticas. O primeiro dos grupos estaba liderado por Xosé Anxo García Méndez, traballador do estaleiro Freire e representante da súa CO na Intercomisión2. O segundo grupo contaba como figura central con Abelardo Collazo Araújo.

Entre 1969 e finais de 1971 os dous grupos continúan debatendo e atraendo cara as súas posicións a máis militantes comunistas e a máis obreiros independentes, sen que nos conste que entraran en contacto entre eles. Por outra banda en 1971 se produce outro feito de importancia cualitativa, o grupo máis xenuíno en Galiza do que se ten chamado Nova Esquerda, Galicia Socialista, intégrase na UPG. Con Camilo Nogueira e Xan López Facal como líderes aporta á UPG o seu primeiro continxente obreiro con presenza en tres grandes empresas: Citroën, e os estaleiros de Barreras e Ascón-Rios. Así as cousas, o PCG atópase, por primeira vez dende o desenvolvemento das COs cunha oposición organizada, cativa cuantitativamente falando, incluso moi cativa en relación ás súas propias forzas, pero cunha gran proxección.

É precisamente a principios de 1971 cando os dous grupos críticos entran en contacto. O grupo das mocidades, moito máis formado a nivel teórico, convida aos obreiros a unha asemblea para debater as súas posicións conxuntamente. Nesta asemblea, celebrada no parque de Castrelos, acórdase iniciar un traballo conxunto dentro das estruturas do PCG e das COs. Este traballo conxunto levanta as suspicacias da dirección do PCG que tenta facer volver ao rego aos críticos. O último intento prodúcese a finais de 1971, e remata en fracaso: “non houbo avenencia alguna porque eles optaban por un radicalismo no que vían a deriva, intuían a deriva do Partido hacia o oportunismo, o reformismo. O PCG corta toda ponte co grupo das xuventudes, pero non así co sector obreiro, co que tenta, sabedores da súa incidencia nas fábricas, un último intento. Líderes obreiros do PCG e os líderes do sector crítico reúnense nun souto na parroquia de Vilar de Infesta do veciño concello de Redondela. A reunión, que se desenvolve entre fortes acusacións mutuas, remata entre empurróns e labazadas.

O acto de ruptura formal coas COs e o PCG producirase en dúas fases. A primeira nas mocidades do partido. Nunha asemblea dos mozos comunistas e a proposta do Abelardo Collazo vótase, a man alzada, abandonar o partido. A proposta foi aprobada pola práctica totalidade dos mozos e mozas presentes, rexistrándose tan só un voto en contra. A segunda fase na ruptura faise no marco dunha asemblea ampliada da Intercomisión en xaneiro de 1972, no Alto de San Colmao: “Eu iba representar á rama estudiantil i se nos dixo que nun momento dado iban a empezar a escindirse por bloques, iba a aparecer Barreras se escinde, tal se escinde… entón nese momento decir, movemento estudiantil, se escinde tamén.

A partir deste momento o Movemento Obreiro en Vigo está dividido en dúas grandes organizacións, por unha banda o tándem PCG/COs e por outra a nova organización, que adoptará o nome de Organización Obreira. A nova organización é sensiblemente máis pequena que as COs, pero ten gran presenza en empresas clave do sector naval, entre as que destaca por riba de todas elas Barreras. A súa organización interna é substancialmente diferente a das comisións e a sitúan a cabo entre unha organización de carácter político e unha organización de carácter sindical e con aspiración de masas. Destaca por riba de todas as diferenzas unha que lle outorga un carácter singular: a combinación dunha estrutura fabril cunha estrutura territorial, de xeito que as células de fábrica intégranse nunha estrutura zonal que se crea por agrupación de barrios. Esta novidosa organización interna resposta a un dos seus presupostos básicos: expandir os conflitos laborais fora das empresas e levalos aos barrios obreiros e posteriormente ao conxunto da sociedade. Pero expandir os conflitos obreiros aos barrios non é máis de un intento de politización do espazo urbano, o conflito e as súas dinámicas que nacen nas factorías son levados aos barrios que é onde residen os traballadores en loita. Isto ven a significar, a nivel práctico, a disputa dese espazo ás forzas do orde e polo tanto o enfrontamento consciente con elas. A violencia policial debe e ten que ser combatida coa violencia obreira. Este e non outro é o contexto e a significación política do recurso á violencia por este grupo. No caso concreto de Organización Obreira a violencia tamén se emprega para represión de quebrafolgas e de elementos que exercían de acusóns diante das direccións das empresas. As accións contra este tipo de persoas foron analizadas no seu momento non só como un fin en si mesmo ou para apoiar unha mobilización, senón, incluso como un xeito de propaganda: “Isto tivo moito impacto dentro dos traballadores porque resulta que era a primeira vez dende facía moito tempo (…) penso que era importante para ver a “calidade” que tiñan estes elementos (…) O importante foi que os traballadores miraron algo serio, miraron que a cousa non era simplemente de decir, “voy a hacer esto…”, e empezaron a coller confianza na súa autoorganización.

A extensión dos conflitos aos barrios, o emprego da violencia contra forzas da orde e quebrafolgas, a práctica asemblearia a nivel de base, o establecemento dun modelo de militancia claramente marxista-leninista, a súa aposta polo emprego do galego en todos os seus comunicados e publicacións son os elementos que diferenciais de Organización Obreira. Polo que respecta á UPG a súa escasa implantación nos centros de traballo fixo a nivel práctico non desenvolverá ningunha tarefa digna de mención e na súa prensa remítese á propia Organización Obreira como modelo na acción sindical. De feito, as dúas organizacións mantiñan unhas excelentes relacións que se materializaron na doazón que Moncho Reboiras lles fixo do seu primeiro aparello de propaganda.

Este é o contexto organizativo que existe en Vigo a comezos de 1972. En abril estoura o primeiro conflito no que Organización Obreira vai pór en práctica os seus novos métodos e no que se utilizará unha consigna que pouco a pouco irá permeabilizando en todo o mundo do traballo vigués. O conflito prodúcese nunha pequena empresa de electricidade, Talleres Kober. Na empresa non existe CO, pero si hai militantes de O.O. Reclámase un incremento salarial e a mellora substancial das condición de seguridade laboral. A dirección da empresa reacciona despedindo aos cabecillas das protestas que presentan reclamación no Sindicato Vertical segundo o procedemento da época. Os traballadores de Kober acoden ao acto de conciliación acompañados dunha delegación dos traballadores das empresas do naval de Vigo, que ameazan ás autoridades franquistas coa convocatoria de folga xeral en caso de que se mantiveran os despidos e non se recoñeceran as reivindicacións dos obreiros. Ante a ameaza, os traballadores son todos readmitidos e a empresa acepta as súas reivindicacións. A vitoria dos homes de O.O. é total, a única arma empregada, a solidariedade de clase. É a primeira vez que se emprega deste xeito nun conflito laboral. Pero aínda hai máis, a delegación de traballadores das grandes empresas comunican ao Sindicato Vertical que “a partir de ahora cualquier fábrica que tenga un problema contará con la solidaridad del metal, sea el despido de pesca, construcción, transporte (…)”. A amenaza era clara, non se consentiría ningún despedimento en ningún sector.

  1. Non emprego a sigla CC.OO. xa que considero que as Comisións Obreiras de 1972 non son a confederación que se constitúe como organización sindical en 1976, e si un órgano unitario de representación da clase obreira onde teñen presenza e actividade todo tipo de tendencias, dende os activos membros do PCG ate opcións marxistas-lenisnistas, pasando por nacionalistas da UPG e sectores cristiáns radicalizados e mesmo anarcosindicalistas (estes dous últimos organizados paralelamente nos seus propios sindicatos, a USO e a CNT), pero e sobre todo unha inmensa morea de traballadores que simplemente se organizan para a defensa dos seus intereses de clase.
  2. A Intercomisión era o organismo coordinador das diferentes COs de fábrica. Nel participaban os líderes de cada Comisión Obreira fábrica, representándoa.