Independencia, internacionalismo e toma do poder

O obxectivo do comunismo está claro, aínda que algúns se teñan esforzado por deturpalo, ocultalo ou esquecelo: a conquista do poder por e para a clase obreira.

Esta cuestión, contemplada no seu momento por Marx e Engels, sería desenvolvida máis tarde por Lenin que, n’O Estado e a revolución, dedica páxinas e páxinas a botar por terra as deturpacións interesadas que o reformismo viña facendo da obra de Karl Marx coa esperanza de reducir o comunismo á categoría de disidencia controlada. A conclusión que Lenin saca das súas investigacións é clara: o comunismo, como proxecto revolucionario de transformación da realidade, só pode acadar o seu obxectivo de conquista do poder para o proletariado mediante a destrución do Estado burgués e a construción dun novo Estado obreiro. A vitoria final da nosa clase –que chega unicamente coa plena derrota internacional da burguesía e o seu derrocamento en todos os recunchos do Mundo– traerá como consecuencia a perda de utilidade da ditadura do proletariado, dado que xa non existirá un inimigo contra o que exercela e, así, o Estado obreiro, despoxado da súa utilidade práctica, extinguirase dando lugar ao comunismo como modo de produción e final da loita de clases.

O dito até agora está máis ou menos claro na mente de calquera militante e aparece recollido nos textos de calquera organización comunista, pero é habitual que exista un notábel descuido á hora de trazar unha folla de ruta concreta orientada á conquista do poder, ou, por expresalo en termos propios do marxismo clásico, non podemos falar, no caso do Estado español, dun horizonte estratéxico nidiamente definido para a fase concreta do proceso revolucionario na que nos atopamos.

A configuración do comunismo galego á que nos referimos no editorial do primeiro número de Embate non é un mero proceso de confluencias e escisións orgánicas, senón que se trata dunha longa reflexión colectiva sobre os métodos de loita do proletariado e a súa capacidade para a construción do poder obreiro no contexto concreto do Estado español. A conclusión, aplicando o pragmatismo e o rigor revolucionario propios do método leninista, está clara: non existe un camiño á conquista do poder, no noso contexto concreto, que sexa posíbel definir mellor que o das independencias.

O grande aporte do leninismo á cuestión nacional é o seu enfoque da mesma como unha cuestión de clase, comprendendo que a nación é unha forma de organización social resultante dun longo proceso histórico que toma forma no capitalismo como resultado das condicións concretas da loita de clases nese momento. Desaparecida a xurisdición privada da terra por parte dos señores feudais coa chegada do novo Estado burgués, os individuos precisarán identificarse como grupo en base a outros criterios, consolidándose así a nación como forma de identificación social. Algúns Estados, como Francia ou Alemaña, terán máis éxito á hora de consolidar a identificación plena entre nación e Estado –con excepcións evidentes como Córsega ou Bretaña, no caso francés–, mentres que outros, como España, por debilidade do proxecto burgués, serán incapaces de consolidarse como Estado mononacional. A existencia das nacións como realidades obxectivas en paralelo ao Estado é algo indiscutíbel dende un punto de vista materialista e axuda a comprender a causa pola que os estados burgueses adoptan unha forma concreta e a causa pola que existe, por exemplo, un proxecto independentista da nación galega pero non un proxecto independentista da cidade de Betanzos.

En 1913 Stalin escribe, por encargo do grupo bolxevique, O marxismo e a cuestión nacional, panfleto que viña a continuar as reflexións feitas por Lenin sobre o asunto ao tempo que trazaba cal debía ser a estratexia do Partido con respecto á cuestión nacional do Imperio ruso en relación aos intereses revolucionarios do proletariado. É neste panfleto no que se sistematiza, por primeira vez, unha definición de nación formulada por enteiro dende claves marxistas, que Castelao recollerá no seu Sempre en Galiza e que xa citamos no anterior editorial. Lembremos a definición de Stalin:

«Nación é unha comunidade humana estábel, históricamente formada e xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada esta na comunidade de cultura.»

A isto, engade:

«Ademáis, de seu compréndese que a nación, como todo fenómeno histórico, atópase suxeita á la lei do cambio, ten a súa historia, o seu comezo e o seu final.»

E tamén:

«É necesario subliñar que ningún dos rasgos indicados, tomado illadamente, é dabondo para definir a nación. Máis aínda: basta con que falte aínda que so sexa un destes rasgos, para que a nación deixe de selo.»

Non obstante, con respecto á lingua, aclara o seguinte:

«Ingleses e norteamericanos falan o mesmo idioma e, a pesar disto, non constitúen unha soa nación. Outro tanto cabe dicir dos noruegos e dos daneses, dos ingleses e os irlandeses.»

Por que resultan útiles as achegas de Stalin para o proxecto revolucionario marxista? Porque permiten categorizar a nación como unha realidade social á marxe de calquera noción de identidade ou pertenza individual, que non é máis que a subxectividade propia do pensamento liberal, desbotando ao mesmo tempo a tendencia esencialista ás explicacións místicas e á comprensión da nación como un fenómeno estático ou eterno. Isto permite trazar un horizonte estratéxico baseándonos exclusivamente nos intereses de clase do proletariado galego, que non son outros que os do proletariado internacional no seu conxunto.

Partindo dun marco de análise marxista podemos afirmar que o Estado español é inequívocamente plurinacional e que se atopa atravesado por unha contradición irreconciliábel entre os intereses da nación opresora –España– e os intereses das nacións sometidas – Galicia, Euskadi, Cataluña…– esta contradición nacional non é outra cousa que a contradición de clase: os intereses da burguesía española precisan do sometemento destas nacións para o correcto desempeño do seu modelo económico. As formas concretas nas que se materializa esta dinámica no caso galego e a súa repercusión na composición de clase de Galicia foron expostas no artigo «Clase e estratexia revolucionaria en Galicia».

Esta contradición á que nos referimos ofrece síntomas concretos de tipo político, materializados por unha banda na aparición de fortes tendencias nacionalistas e independentistas nas nacións sen Estado –capaces de acadar unha enorme incidencia social e incrementar ata niveles extremos a intensidade dos métodos de loita en algúns momentos da historia recente– e por outra banda no apoxeo dun nacionalismo español de tipo chovinista e de carácter extremadamente reaccionario que busca perpetuar a actual composición nacional do Estado mediante constantes ataques de todo tipo –culturais, lingüísticos, económicos…– contra as nacións sen Estado, tratando de diluir a súa conciencia nacional. Este último fenómeno ao que nos referimos ten resultados fácilmente comprobábeis na nosa terra: por primeira vez, en 2022, o INE situou o castelán como lingua máis falada en Galicia, un retroceso social do galego nunca antes visto, nin sequera nos tempos da ditadura franquista.

Temos, por tanto, que as nacións existen obxectivamente como grupos sociais de entidade propia, con independencia da forma que adopte a entidade estatal. Temos tamén que o Estado español é un Estado plurinacional que, por intereses económicos e políticos da burguesía española descansa sobre a base da opresión nacional, o que provoca unha tensión constante e constitúe unha contradición interna susceptíbel de ser detonada. Podemos concluir, por tanto, que se a cuestión nacional é, efectivamente, unha cuestión de clase, a contradición nacional que opera no seo do Estado español é necesariamente unha contradición de clase e que, por tanto, a súa resolución nunha dirección ou noutra, condiciona o equilibro de forzas no contexto da loita de clases.

A todo isto podemos engadir dúas certezas máis: a primeira é que, nas últimas décadas ningún fenómeno político ten ameazado tanto a estabilidade e a propia existencia do Estado español coma o independentismo organizado nas súas diversas formas; a segunda é que, no marxismo, o dereito á autodeterminación é unha reclamación irrenunciábel, sendo a independencia –Vietnam– ou a unidade –URSS– opcións estratéxicas igualmente válidas sempre e cando conduzan á conquista do poder polo proletariado.

No caso concreto de Galicia, a composición de clase da nosa nación establece dous proxectos claramente confrontados: un soberanismo que representa os intereses das clases populares contra unha visión estática do Estado que busca perpetuar a depredación da nosa terra por parte das elites dominantes, a burguesía española e  os seus axentes/asociados en Galicia.

Para perpetuarse no poder, as clases dominantes adoitan alimentar o odio entre as distintas nacións ou grupos étnicos, evitando así que a loita de clases como diná,ica xeral e fenómeno histórico sexa plenamente visíbel para a clase traballadora no seu conxunto. Isto evita que o proletariado asuma as formas de organización e de loita acordes cos seus intereses e facilita a supervivencia do poder burgués. É precisamente por isto que o marxismo responde cunha aposta firme polo internacionalismo proletario, único método capaz de disipar esa neblina e enfocar correctamente cal é o inimigo e cales son os nosos obxectivos como clase. Exemplos innumerábeis: a paz incondicional bolxevique en Brest-Litovsk, Ho Chi Minh sendo membro fundador do Partido Comunista Francés antes de convertirse en arquitecto indiscutíbel da independencia do Vietnam, a heroica historia da solidariedade cubana con tódolos pobos do mundo…

En definitiva, a tarefa do comunismo galego, por tanto, discorre polo mesmo vieiro que a do comunismo catalán, vasco, canario ou mesmo español, porque compartimos a tarefa común da destrución do Estado para a construción do novo poder:

  • A construción, por parte das diversas nacións que compoñen o Estado –incluída a nación española–, de cadanseu Partido Comunista, recuperando a cuestión de clase como eixo vertebrador e rexeitando a tentación do conservadorismo máis acomodaticio, que pode asumir múltiples formas: sectarismo, folclorismo, esquerdismo esteril, falso pragmatismo dereitista…
  • O artellamento, por parte deses partidos, dun horizonte estratéxico enfocado á detonación das contradicións internas do Estado burgués, asumindo a independencia das nacións sen Estado como un dos detonantes máis potentes cos que podemos contar na actualidade.
  • O traballo consecuente na elaboración dunha liña política que conciba a independencia dende unha óptica de clase, entendendo que non se trata de alimentar ás masas coa mística esencialista en base a cálculos oportunistas de interese persoal, senón de trazar unha folla de ruta que faga posíbel o choque frontal e a vitoria fronte ao inimigo de clase.
  • Un compromiso co fortalecemento dos vínculos entre as organizacións obreiras das distintas nacións que compoñen o Estado español, comprendendo que o internacionalismo proletario é un exercicio de fraternidade revolucionaria que se constrúe necesariamente á marxe das lóxicas do poder burgués e que está totalmente enfocado a destruilo.