Alcoa, enerxía e solución

Santalla P., E. C.

A industria electrointensiva en Galicia atópase nunha profunda crise, agudizada polo anuncio de despidos na planta de Alcoa San Cibrao. Isto está profundamente relacionado co prezo da electricidade e o peche da Central Térmica de As Pontes. Milleiros de postos de traballo están en xogo e a clase obreira precisa dunha solución real, científica a este gran problema de desindustrialización que sufre Galicia que, seguramente, teña que pasar pola saída da Unión Europea.

1. Introdución

Para entender a crise que está a sufrir Galicia no seu tecido industrial e enerxético é de gran axuda ollar para a situación agónica da súa industria electrointensiva. Pero, en primeiro lugar: Que é a industria electrointensiva? A industria electrointensiva defínese como a industria na que, no seu proceso produtivo, o custe da electricidade supón unha gran parte do custe de produción final. Este tipo de industria atópase en Galicia destacando os complexos siderometalúrxicos de Ferroatlántica, Megasa, Aluibérica (antiga Alcoa da Coruña) e Alcoa San Cibrao.

A crise que está a sufrir a industria electrointensiva está culminando recentemente (a primeiros de xuño do 2020) coas mobilizacións do persoal da planta de Alcoa en San Cibrao e das empresas auxiliares que tamén traballan no complexo. Estas protestas débense ao peche anunciado pola patronal. Un peche escusado no alto prezo da electricidade no Estado español e á diminución da demanda de aluminio pola crise provocada pola pandemia do Covid-19.

A continuación se exporá unha análise da situación de Alcoa San Cibrao. Comezando por un breve encadramento histórico e funcionamento da planta, seguido dunha explicación da relación desta crise co sector enerxético, as causas e respostas políticas e, finalmente, unha conclusión en base á información exposta para propoñer unha solución científica en base aos intereses da clase obreira.

2. Encadramento

O 6 de outubro de 1980 o Rei emérito don Juan Carlos I e dona Sofía asisten á inauguración oficial do complexo siderometalúrxico Alúmina-Aluminio en San Cibrao, na Mariña Lucense. A construción comezárase cinco anos atrás, no 1975, tras o informe de viabilidade que o INI (Instituto Nacional de Industria) encargara ás principais produtoras de aluminio por aquel entón no Estado español: Endasa (Empresa Nacional el Aluminio, S.A.) (non confundir con Endesa) e Alugasa (Aluminios de Galicia, S.A.). Só a construción do complexo implicou unha carga de traballo para 20.000 operarios, o que implicou un brusco crecemento económico nunha zona na que predominaba o sector primario (Paz, 2005).

A esta construción tamén se lle sumou a infraestrutura da rede eléctrica para transportar a enerxía dende a central térmica de As Pontes ata o complexo Alúmina-Aluminio. Aínda que houbo algúns proxectos que foron cancelados, como é o caso da central nuclear de Xove que sería destinada a abastecer electricamente a produción de aluminio (Paz, 2005). Este proxecto foi cancelado por mor do medo infundado na poboación por parte de certos sectores políticos e activistas, baseándose nos mesmo credos anticientíficos que aínda existen a día de hoxe sobre a enerxía nuclear. Cabe destacar, como se explica máis adiante, que, de existir agora a central nuclear de Xove, non se estaría dando a actual crise en Alcoa San Cibrao.

Cando comezou a produción, o complexo tiña un persoal de 1.600 traballadores directos e cerca de 6.000 indirectos a través de empresas auxiliares que tamén traballaban non complexo (Paz, 2005).

A mediados da década dos 80, coa chegada da reconversión industrial, que atacara fortemente ao sector naval, o sector do aluminio tamén se viu afectado coa fusión de Endasa e Alugasa para dar lugar ao grupo público Inespal. Dende entón comezou un proceso de privatización do sector do aluminio no Estado español culminando no 1998 coa venda do grupo Inespal á multinacional Alcoa.

Na actualidade, o complexo de Alcoa en San Cibrao é un dos máis avanzados de Europa, tecnoloxicamente, na produción de alúmina e aluminio, sendo tamén dos máis importantes en cantidade e calidade na produción de aluminio. A pesar disto, Alcoa pretende abandonar as súas instalacións no Estado español dende hai meses, culpando a un encarecemento da electricidade no Estado, o que imposibilita a venta do aluminio a prezos competitivos. Esta cuestión xa provocara unha profunda crise nas plantas da Coruña e Avilés, que foron mercadas polo fondo de inversión suízo Partner Capital o 1 de agosto do 2019, trocando o nome das factorías por Alu Ibérica (Nós, 2019). Meses despois, o pasado 15 de abril de 2020, o grupo valenciano Grupo Industrial Riesgo merca a maior parte das accións das factorías de Alu Ibérica (A Coruña e Avilés) (E.P., 2020). Entrementres, a multinacional Alcoa comeza un desmantelamento do complexo de San Cibrao que é denunciado polos sindicatos tralos recentes despidos na propia factoría e nas empresas auxiliares chegando a afectar a máis de 1.000 traballadores (Nós, 2020a). Actualmente xa cesou a actividade na Coruña e o peche do complexo de San Cibrao semella inminente a pesar dos máis de 1.000 millóns de € en axudas que recibiu na última década por parte do Estado para manter a produción (Nós, 2020b).

Nesta situación, a nivel político comeza unha batalla na que a Xunta de Galicia presidida polo PP exímese de calquera tipo de responsabilidade culpando da situación da industria electrointensiva ao goberno de coalición do PSOE no Estado español. Por parte do goberno de coalición formado por PSOE e UP rexeitase en primeiro lugar un proceso de nacionalización como solución á crise en Alcoa San Cibrao despois de meses sen escoitar nada sobre o Estatuto Electrointensivo que prometera a Ministra de traballo Yolanda Díaz para evitar precisamente chegar a esta situación.

3. Electrointensivas e Centrais Térmicas

Para comprender por que a industria electrointensiva non pode asumir na actualidade o prezo da enerxía eléctrica, hai que atender a como foi evolucionando o sector da transformación/produción de enerxía eléctrica en Galicia.

A transformación de enerxía primaria ao longo da historia da humanidade estivo baseada principalmente na biomasa. No caso galego, apréciase na figura 1 (en laranxa) como, a partir dos anos 50, comezou a aparecer moi lentamente a produción enerxética a través das centrais hidráulicas. A evolución da enerxía primaria transformada aumentou drasticamente coa construción da refinería de Repsol na Coruña  no 1964 (Miras, 2004). Aínda que isto non implica necesariamente un aumento na produción de enerxía eléctrica, dado que esta enerxía é empregada maiormente no sector do transporte. Posteriormente, a mediados dos anos 70, aparece un gran aumento debido ao consumo de carbón.

O gran aumento no uso do carbón débese á extracción mineira comezada no ano 1976 nos xacementos de As Pontes e Meirama e o aproveitamento deste carbón nas súas respectivas centrais térmicas (Cuncosa et al, 2017). Non é casualidade que nese momento estivera en construción o complexo Alúmina-Aluminio de San Cibrao, posto que tamén se estaban a construír as subestacións e a rede para alimentar o actual complexo de Alcoa San Cibrao coa central Térmica de As pontes (Paz, 2005). De feito, como se aprecia na figura 2, cando se inaugura o complexo de Alúmina-Aluminio en San Cibrao, a transformación do carbón na Galicia alcanza o seu máximo histórico. Co paso dos anos, o consumo de carbón nas centrais vai diminuíndo ata chegar a un profundo mínimo no ano 2010, cando o carbón das minas galegas é esgotado e as centrais térmicas comezan a funcionar con carbón de importación. O funcionamento das centrais empregando carbón importado prolongouse aproximadamente unha década ata a actualidade.

Na actualidade, Endesa anunciou o peche inminente da Central Térmica de As Pontes (a pesar de terse comprometido anos atrás en prolongar a produción ata incluso o 2045) argumentando que o peche se debe ao encarecemento no último ano do prezo nos dereitos de emisións da UE e tras varios meses de baixa actividade fracasando nos ensaios con biocombustibles (Pardo, 2019a). Unha situación idéntica acontece con Naturgy e a Central Térmica de Meirama, provocando folgas indefinidas nas dúas centrais e incluso unha folga xeral no concello de As Pontes de García Rodríguez (Barro, 2020).

Non é casualidade que, do mesmo xeito que a actividade industrial comeza á vez na central térmica de As Pontes e no complexo Alúmina-Aluminio de San Cibrao; tamén aconteza o mesmo co cese da actividade nos dous complexos. A actividade da industria electrointensiva en San Cibrao está fortemente ligada á actividade na Central Térmica de As Pontes. A mesma lóxica ha de ser aplicada co resto de industrias electrointensivas e as súas respectivas fontes principais de enerxía no país. Por iso, é absurdo estudar estes dous fenómenos de xeito illado, e propoñer “solucións” sen atender ao sistema enerxético e produtivo no seu conxunto.

O peche da central térmica de carbón implicou que só estiveran dispoñibles na rede eléctrica enerxías cun custe de produción maior, como é o caso da meirande parte das enerxías renovables. En realidade este é o obxectivo das políticas da UE para fomentar o uso de enerxías renovables, aínda que en teoría se deberían seguir plans de transición ecolóxica para non chegar, precisamente, a situacións como a que se está a sufrir na Galicia.

4. Resposta política

A medida que se foi coñecendo a posibilidade do peche da Central Térmica de As Pontes (e a de Meirama), a clase política xogou un papel moi importante (que non útil) moitas veces mentindo sobre a situación real da central e os compromisos de Endesa (e Naturgy) e, outras veces, facendo “propostas” moi distantes do criterio científico:

– O Estado español estivo subvencionando a Alcoa máis e 1.000 millóns de € durante a última década para que a multinacional puidera continuar operando no Estado. Ademais de que o vixente estatuto electrointensivo lle facilitaba a compra de electricidade á metade do prezo (Nós, 2020a).

05/10/2019. Pedro Sánchez, presidente en funcións por aquel entón, afirma que «Ningún trabajador se verá afectado» (Casco, 2019). Isto na actualidade vese que é rotundamente falso

08/11/2019. Endesa presenta aos seus accionistas os motivos do peche e desminte a Feixóo após de que o presidente da Xunta afirmara de que o peche se debe á mala xestión do goberno central (Pardo, 2019b).

– Endesa propón a instalación de 1.505 MW en enerxía eólica para paliar o peche da central. Esta mesma proposta é sostida por partidos como Podemos Galicia.

30/12/2020. O PSOE e Unidas Podemos presentan o seu acordo para o goberno de coalición. No texto din no punto 3.2. «Completaremos  la  aprobación  del  Estatuto  del  consumidor  electrointensivo» e sobre as térmicas di no punto 3.3. «Desarrollaremos planes de acción urgente para las comarcas afectadas por el cierre de centrales de carbón» (PSOE & UP, 2020). Non se volveu saber nada do Estatuto Electrointensivo.

09/01/2020. O BNG e o PSOE presentan o seu pacto de investidura no que se menciona unha transición xusta para As Pontes e a creación dunha mesa de traballo para buscar unha solución para Alcoa (PSOE & BNG, 2020).

14/01/2020. Alemaña abre unha nova central de carbón de alta eficiencia mentres se desmantelan todas as centrais térmicas de carbón do sur de Europa (L.O., 2020).

15/01/2020. Convócase na vila de As Pontes de García Rodríguez unha folga xeral que é secundada pola case totalidade dos veciños. Unhas 2 mil persoas asisten á marcha na vila de 10 mil habitantes (Barro, 2020).

29/05/2020. Alcoa anuncia o despido de 800 traballadores en San Cibrao (Ferreiro, 2020).

07/06/2020. Mobilízanse máis de 20.000 persoas nunha manifestación en Viveiro esixindo unha solución para Alcoa na Mariña Lucense (Nós, 2020c).

22/04/2022. O personal de Alu Ibérica na Coruña asina o ERE (Nós, 2022).

5. Conclusións

A causa desta crise en Alcoa San Cibrao débese ao alto prezo na electricidade. Un alto prezo debido ao peche da Central Térmica de As Pontes por mor do alto prezo dos dereitos de emisións que creou a UE. En primeiro lugar, débese expoñer por que a UE está tomando estas medidas tan drásticas denominadas de “transición ecolóxica” e por que os partidos que pretenden defender os intereses da clase traballadora aínda non foron capaces de realizaren unha proposta firme ante a perda de milleiros de postos de traballo.

A política enerxética da UE nos últimos anos está profundamente determinada por un discurso ecoloxista que atende directamente aos intereses imperialistas dos Estados Unidos de América. Na UE existe unha gran dependencia enerxética do exterior, polo que precisa de importar grandes cantidades de enerxía en diferentes formas (petróleo, gas, carbón, electricidade…) (García, 2008). Esta condición de dependencia maniféstase drásticamente no escenario actual onde os EUA están sometendo enerxéticamente á UE mediante a Guerra de Ucraína e Marrocos, o que provocou a gran subida nos prezos deste último ano.

Por outro lado temos o gran problema que supón o actual discurso ecoloxista na esquerda. Dada a gran importancia que está tendo o movemento ecoloxista nos último tempos, é imposible de conciliar a profunda contradición á que se enfrontan os partidos que asumen os discursos ecoloxistas anticientíficos que se posicionan en contra da enerxía do carbón aínda que existan tecnoloxías que eviten gran parte da problemática ambiental que poderían ocasionar como é a Gasificación de Carbón Integrada en Ciclo Combinado ou a Oxicombustión (Thierry et al, 2017). Do mesmo xeito que acontece coa enerxía nuclear e como pasou coa proposta da planta nuclear en Xove que podería ter evitado esta crise, aínda que actualmente existen tecnoloxías como os Reactores Modulares Pequenos que poden empregarse para prolongar a vida útil das centrais térmicas (Durán et al, 2022). Esta gran contradición fai que os partidos que asimilen estes discursos anticientíficos non sexan capaces de posicionarse cos intereses da clase obreira como é o caso da Centrais Térmica de As Pontes. Dadas as implicacións que este problema causa en Alcoa San Cibrao, tamén fracasan as posturas políticas que pretenden tratar esta problemática de forma illada sen atender ao conxunto.

Mentres tanto, escóitanse propostas como a de Endesa e algúns partidos políticos de instalar 1.500 MW de enerxía eólica para paliar o peche de As Pontes. Esta proposta fíxose antes de que se anunciara o peche do ciclo combinado de As Pontes que supoñen uns 800 MW adicionais, un total de 2.300 MW que se apagarán definitivamente. Propoñer esta inversión en enerxía eólica é ineficaz, ineficiente e ilóxico por varios motivos:

1. A enerxía eólica é moi intermitente e impredecible. Non está funcionando constantemente e non se sabe cando vai funcionar, polo que dificilmente se vai ter en disposición eses 1.500 MW de muíños eólicos cando a rede o precise.

2. A proposta é un claro acto de propaganda verde para Endesa e unha declaración de boas intencións para os partidos que apoien isto.  Dicir que se vai facer esa inversión xusto cando se anuncia o peche inminente da central é unha proposta imposible posto que se tardan varios anos en realizar todos os procedementos técnicos e administrativos para instalar un parque eólico. Ademais, a infraestrutura require unha inversión inmensa. Para instalar 1.500 MW de muíños eólicos, tendo en conta que cada muíño convencional ten unha potencia de 2 MW, deberían de ser instalados 750 muíños eólicos. Para paliar tamén o peche do ciclo combinado deberían de ser uns 1.150 muíños eólicos. En total, instalar 2.300 MW de muíños eólicos sería multiplicar por máis de 5 veces a potencia eólica instalada no ano 2019 en Galicia (Xunta de Galicia, 2020).

3. Esta proposta non estaría solucionando o gran problema de desemprego que supón o peche da térmica, posto que gran parte dos traballadores directos son os transportistas que levan o carbón dende o Porto Exterior de Ferrol á Central Térmica e As Pontes.

En definitiva, a causa está na lexislación Europea que forza a desaparición das centrais térmicas convencionais e que afecta directamente á industria electrointensiva. Afecta especialmente ao carecermos dunha planificación desta “transición ecolóxica” que posiblemente podería ter anticipado toda esta crise. Agora ben: se o problema está na Unión Europea, na súa lexislación que pecha centrais no sur de Europa e inaugura centrais de carbón de última xeración na Alemaña; entón a solución pasa por abandonar a Unión Europea e a súa lexislación co fin de garantir os postos de traballo e poder deseñar unha verdadeira “transición ecolóxica” ante o esgotamento das fontes de enerxía fósil como é o carbón nas próximas décadas.

Pola contra, se queremos permanecer na Unión Europea, debemos aceptar o peche definitivo das centrais térmicas de Meirama, As Pontes (probablemente tamén a de Sabón) e o desmantelamento da industria electrointensiva de Aluibérica, Alcoa e Ferroatlántica. Encamiñándonos cara un futuro desindustrializado e á súa consecuente crise socioeconómica.

6. Bibliografía

– Barro, P. (2020, 15 xaneiro). “As Pontes sae en apoio das traballadoras da central”. Nós Diario. Recuperado de https://www.nosdiario.gal/articulo/traballo/pontes-sae-apoio-das-traballadoras-da-central/20200114155725089568.html

– Casco, J. G. (2019, 5 outubro). “Pedro Sánchez mira a As Pontes: «Ningún trabajador se verá afectado»”. Recuperado de https://galicia.economiadigital.es/politica-y-sociedad/pedro-sanchez-mira-a-as-pontes-ningun-trabajador-se-vera-afectado_656255_102.html

– Doldán García, X. R. (2008). “A situación enerxética galega no contexto europeo”. Revista Galega de Economía, vol. 17, núm. extraord. (2008), pp. 241-262. 241-262 ISSN 1132-2799

– Doldán García, X. R. (2017). “Achega cuantitativasobre o uso e consumo de recursos en Galicia no século XX”. Xornada: O Antropoceno e a “Grande Aceleración”: unha ollada desde Galicia. Recuperado de http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_ac_2017_antropoceno_xandoldan.pdf

– Durán Vinuesa, L., Larriba Del Apio, S., & Jiménez Carrascosa, A. (2022). Pequeños reactores modulares: el futuro de la energía nuclear. Revista Digital Del Cedex, (201), 23-42. Recuperado de http://ingenieriacivil.cedex.es/index.php/ingenieria-civil/article/view/2468

– E.P. (2020, 15 abril). “Un grupo industrial valenciano compra a antiga planta de Alcoa na Coruña”. Nós Diario. Recuperado de https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/grupo-industrial-riesgo-compra-antiga-planta-alcoa-coruna/20200415194151095334.html

– Ferreiro, X. (2020, 29 maio). “Alcoa pasa a factura: bota á rúa preto de 800 traballadores”. Nós Diario. Recuperado de https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/alcoa-bota-rua-preto-800-traballadores/20200528222125098588.html

– Juncosa, R., Delgado, J., Cereijo, J. L., & García, D. (2017). “Análisis hidroquímico comparativo de la formación de los lagos mineros de As Pontes y Meirama (España)”.

– L.O. (2020, xaneiro 14). “Alemania abre una central térmica en plena ola de cierres y descarbonización”. La Voz de Asturias. Recuperado de https://www.lavozdeasturias.es/noticia/asturias/2020/01/13/alemania-abre-central-termica-plena-ola-cierres-descarbonizacion/00031578933163950846408.htm

– Miras Araujo, Jesús (2004). “El tráfico mercantil portuario en una etapa de transición: A Coruña, 1913-1960”. Investigaciones Geográficas (Esp), núm. 33, enero-abril, 2004, pp. 119-140. Recuperado de https://www.redalyc.org/articulo.oa?id=17603307

– Nós, Redacción. (2019, 4 agosto). “As plantas de Alcoa na Coruña e Avilés pasan a mans de Parter Capital”. Nós Diario. Recuperado de https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/plantas-alcoa-coruna-aviles-pasan-mans-parter-capital/20190731160004082646.html

– Nós, Redacción (2020a, 28 maio). “Alcoa San Cibrao: feche da planta de Aluminio e 500 despidos”. Nós Diario. Recuperado de https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/alcoa-500-despidos/20200528065858098515.html

– Nós, Redacción (2020b, 29 maio). “Alcoa recibiu nesta década máis de mil millóns de euros en axudas e subvencións”. Nós Diario. Recuperado de https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/alcoa-recibiu-nesta-decada-mais-mil-millons-euros-axudas-subvencions/20200528153634098547.html

– Nós, Redacción. (2020c, xuño 8). “A Mariña mobilízase polo futuro de Alcoa”. Nós Diario. Recuperado de https://www.nosdiario.gal/articulo/traballo/20000-persoas-marchan-marina-po/20200607190945099171.html

– Nós, Redacción. (2022, 22 abril) O cadro de persoal de Alu Ibérica na Coruña asina o ERE acordado con Alcoa. . Nós Diario. https://www.nosdiario.gal/articulo/traballo/cadro-persoal-aluiberica-coruna-asina-ere-acordado-alcoa/20220422111926141475.html

– Pardo, M. (2019a, 5 outubro). “¿Por qué ahora? Respuestas para el inevitable fin de la térmica de carbón de As Pontes”. eldiario.es. Recuperado de https://www.eldiario.es/galicia/economia/Endesa-carbon_0_948756061.html

– Pardo, M. (2019b, 8 novembro) “Endesa expón aos accionistas as razóns para pechar nas Pontes e desmente a Feijóo”. Praza Pública. Recuperado de https://praza.gal/politica/endesa-expon-aos-accionistas-as-razons-para-pechar-nas-pontes-e-desmente-a-feijoo

– Paz, C. A. G. (2005). “A factoría de Alcoa en San Cibrao: vintecinco anos de historia”. Boletín do Museo Provincial de Lugo, (12), 221-235.

– PSOE & BNG (2020). “Acordo de investidura BNG e PSOE”. BNG. Recuperado de https://www.bng.gal/media/bnggaliza/files/2020/01/03/Acordo%20BNG-PSOE%20investidura%20de%20Pedro%20S%C3%A1nchez.pdf

– PSOE & UP (2020). “Coalición Progresista. Un nuevo acuerdo para España”. PSOE. Recuperado de https://www.psoe.es/media-content/2019/12/30122019-Coalici%C3%B3n-progresista.pdf

– Thierry Lecomte, José Félix Ferrería de la Fuente, Frederik Neuwahl, Michele Canova, Antoine Pinasseau, Ivan Jankov, Thomas Brinkmann, Serge Roudier, Luis Delgado Sancho (2017). “Best Available Techniques (BAT) Reference Document for Large Combustion Plants”. EUR 28836 EN; doi:10.2760/949

– Xunta de Galicia. (2020, 16 xaneiro). “Galicia aumentará a potencia eólica instalada en máis dun 15% grazas ao impulso que supuxo para este sector a Lei de implantación empresarial. Recuperado de  https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/46296/galicia-aumentara-potencia-eolica-instalada-mais-dun-15-grazas-impulso-que-supuxo