Embate, unha nova revista para un novo Partido

Publicacións comunistas e independentistas en Galicia

Sabemos que un dos brazos máis fortes do Partido Bolxevique era o Pravda. Toda revolución ou proceso revolucionario necesitou dunha voz, dunha expresión, dunha fonte e foco de consignas. A prensa comunista –en foma de voceiro, de xornal, de dazibao, de revista, de fanzine…, ou actualmente podendo contar tamén coas distintas plataformas dixitais– é unha ferramenta esencial para a difusión, a propaganda, a axitación… e tamén para a formación e a loita ideolóxica.

Nos seus distintos formatos, podemos falar de prensa da esquerda independentista galega, en xeral, ou de prensa comunista galega, xa en particular. A ruptura da UPG en 1976 fai que saian dúas edicións distintas de Terra e Tempo. A “liña proletaria”, renomeada PGP, acaba editando Sempre en Galicia. Coa creación da fronte chamada Galicia Ceibe por parte do novo Partido, nace Espiral, a primeira xeira, esa que incluso se continúa publicando tras a disolución organizativa do espazo político. O sector que non se disolve acaba publicando Galiza Ceive e confluíndo cun Partido Comunista de Liberación Nacional que edita un só número de PCLN.

Cando cae o Muro Antifascista e o comunismo internacional recibe o maior golpe da súa historia, o grupo de comunistas vinculado a Espiral e os sindicalistas do Clube Cultural Adiante, xunto con outros, lanzan A Trabe de Ouro, publicación de carácter académico e intelectual, sempre próxima á esquerda independentista, na que colaboran grandes nomes da política e da filosofía internacionais e dende a que se lanza a Posición Luís Soto. Dentro desta categoría de publicacións de debate e investigación xurde recentemente a revista Clara Corbelhe. Volvendo aos 90, e no terreo máis político e militante, a Assembleia do Povo Unido edita unha ducia de números de Povo Unido e sae tamén a segunda xeira de Espiral, agora como voceiro da FPG. Primeira Liña (MLN) comeza a edición de Abrente, un voceiro comunista moi vizoso en colaboracións e que sae con estrita puntualidade trimestral durante dúas décadas acadando os 75 números. Informaçom Obreira é un cabezallo en forma de fanzine promovido por R. Muntxaraz e no que colaboran exmembros da APU e das recén creadas Assembleia da Mocidade Independentista e Estudantes Independentistas.

No novo século, a efémera Esquerda Revolucionária Alternativa lanza o fanzine Contraponto, Nós-Unidade Popular publica perto dunha trintena de entregas de boa calidade da revista Voz Própria e o Movemento pola Base dous números do xornal Pola Base. A Frente Popular Galega lanza dous números da terceira xeira de Espiral en 2008 e 2010 cunha calidade gráfica e contidos de fondo nos que se nota a pegada da Redes Escarlata. A cuarta xeira da histórica revista dá dous novos números unha década despois en 2019.

O movemento antirrepresivo e pola amnistía editou en distintas vagas represivas cabezallos coma Setembro, A Treu!, Berro Seco ou Cisallha. O movemento xuvenil aporta Canha! e Terra Livre (ambos da AMI), Xerfas e Embate, este último voceiro editado por Adiante e do que recuperamos o cabezallo na presente publicación. O estudantil, pola súa parte; o Agita! de Agir ou A Gadoupa do GREI, entre outros.

De Espiral ao novo Embate

A primeira xeira de Embate foi bastante vizosa e, con doce entregas entre 2005 e 2011, estivo marcada por unha estabilidade e puntualidade pouco común na prensa comunista galega dirixida á mocidade. Porén, a revista estaba algo limitada polo seu carácter sectorial xuvenil. Neses seis anos, en Embate fálase dos centros de menores e  da súa responsabilidade penal, do perigo da LOE e da reforma laboral, do fenómeno emerxente dos locais e centros sociais, dos crecentes accidentes laborais, da apostasía, do audiovisual galego, da defensa da terra e da lingua, da música tradicional e da antropoloxía; fanse reseñas de libros e de cinema actual; trátase o tema da migracións, o debate dos tranxénicos e da soberanía alimentaria, da vivenda e da okupación; abórdanse o plan nacional acuícola, a loita de Cangas contra o pelotazo de Massó, os casos de represión á mocidade e testemuños xuvenís de precariedade laboral, campañas antimilitaristas e contra o recrutamento da mocidade por parte dos corpos represivos; fanse entrevistas á mocidade sindicalista e activista, etc.

En Embate, como publicación internacionalista, deuse tamén testemuño da vitoria de Frente Amplio en Uruguai, do referendo de independencia de Escocia, da análise das “revoltas” árabes e da solidariedade con América Latina; divulgouse a historia da organización xuvenil vasca Jarrai, da venezolana JCV e da irlandesa Ógra Sinn Féin; e publicáronse entrevistas coas organizacións xuvenís Maulets, Regüelta, Coordinadora d’Assemblees de Joves de l’Esquerra Independentista (CAJEI), Scottish Socialist Youth e a vasca Segi.

Aliás, nos dous números da cuarta xeira de Espiral –maio e decembro de 2019– traballamos moitas das persoas que agora continuamos coa segunda xeira de Embate. Traballo este, interrompido e adiado pola pandemia do 20. No entanto, xa comezabamos neses derradeiros Espiral do 19 a falar do remate do ciclo político anterior, a dar as claves do novo que comezaba, e a elaborar as ideas-forza que culminaron –co tempo– na fundación do novo Partido Comunista pola República Galega. É así que non nacemos da nada, e que continuamos cunha labor teórica, formativa e de opinión que xa marcara unha liña sólida baixo un cabezallo anterior.

Porén, recuperando Embate, non só reclamamos e lanzamos lexitimamente a nosa voz, senón que reivindicamos unha nova etapa política marcada pola reconstrución política –alicerzada no debate e pola vontade de fragoar a unidade de clase e de pasar á ofensiva– despois dun longo tempo de claudicación, resignación e resistencia pasiva. Iso significa embate; coller forza, tomar a iniciativa e pasar á ofensiva. Estas páxinas son vosas.