ESTAMOS FARTOS! LUMES NUNCA MÁIS!

Nas últimas semanas a nosa Patria está a sufrir unha catastrófica vaga de lumes incontrolados. Milleiros de hectáreas arrasadas, núcleos de poboación asolados e incontables perdas de patrimonio persoal e colectivo constitúen o saldo do desastre.

Os nosos espazos rurais levan décadas experimentando unha reconversión abrupta e desorganizada baixo a dirección do capitalismo. Dunha banda as empresas madeireiras, favorecidas polas políticas do Estado e a UE, adícanse a fomentar a substitución do bosque autóctono por especies de rápido crecemento. Préstanlle nula atención ao mantemento e limpeza do sotobosque, dado que o seu aproveitamento non satisfai as súas crecentes necesidades de acumulación. Por outra parte, o estrepitoso fracaso dos mecanismos de mercado á hora de mobilizar terras ten como resultado o abandono dunha altísima proporción de tenzas agrarias. No canto de seren incorporadas a outras explotacións, estas pasan a ser ocupadas pola xesta e o monte baixo. En vez de empregar as capacidades produtivas dos nosos campos e bosques, o sistema capitalista tan só promove as ineficiencias, a irracionalidade e o abandono: combustible perfecto para o lume sen control.

As e os comunistas defendemos unha alternativa para o noso rural baseada na xestión democrática e planificada do territorio. No inmediato, fica clara a necesidade de incrementar exponencialmente os medios de prevención e extinción. Porén, no medio e longo prazo, é necesario que as clases traballadoras rexeitemos unidas o uso que o capital fai dos nosos montes e terras. Nunca máis directivos de ENCE e FINSA enchendo os petos de millóns a costa de especular co patrimonio do pobo galego. É por iso que chamamos a participar das mobilizacións que terán lugar en varias cidades do país no día de hoxe.

Queremos lograr que os lumes volvan ser soamente un accidente. Queremos construír un rural dinámico, moderno e racionalmente xestionado. Para iso precisamos un Estado de noso, onde quen todo o producimos todo o poidamos decidir: a República Socialista Galega.