Revolución dos caraveis, 25 de abril

Na madrugada do 25 de abril de 1974 o pobo portugués espertou coa sintonía de “Grândola, Vila Morena, canción censurada polo goberno salazarista composta polo comunista revolucionario José “Zeca”Afonso. Esta canción, emitida por todo o país luso na Rádio Renascença, tratábase do sinal acordado polo Movimento das Forças Armadas (MFA), para derrocar o “Estado Novo”, o réxime de deriva fascista fundado polo ditador António de Oliveira Salazar en 1933 e prorrogado polos seus ministros trala morte do mesmo en 1970.

A comezos dos 50, pero especialmente nas décadas dos 60 e 70, o devandito réxime autoritario levou a Portugal cara un cruento conflito bélico nas colonias de ultramar de Angola, Guinea-Bissau e Mozambique, para evitar a independencia das mesmas. O gasto desta guerra imperialista perpetrada polo “Estado Novo”, combinado coa monopolización progresiva e permitida pola ditadura da industria portuguesa por parte de capitais estranxeiros, levou ao país cara un duro receso económico, unha gran crise emigratoria e o empeoramento das condicións materiais do pobo luso.

Nos anos 70, as protestas sociais que denunciaban a tráxica situación político-económica foron duramente reprimidas pola policía secreta do réxime, que agudizou a súa represión especialmente cara os estudantes e os movementos republicanos e comunistas. Salazar morrera, pero a faciana máis represiva da ditadura que el impuxera seguía viva. Porén, cando algúns altos mandos militares de ideoloxía progresista fixeron “camarilla” baixo as siglas do MFA para por fin á situación lusa e tomar o poder mediante un golpe de Estado, contaron con todo o apoio do pobo portugués.

Cando as tropas insurrectas tomaron as rúas das grandes cidades lusas o 25 de abril camiñaron canda eles miles de cidadáns portugueses que se mesturaron entre os militares e puxeron caraveis nos fusís dos soldados e nos canóns dos tanques, dándolle así o nome á “Revolución dos Caraveis”. Foi así, coa unidade popular portuguesa, que caeu a ditadura máis longa da Europa contemporánea. O réxime imperialista, anticomunista e represivo do “Estado Novo” morría e abríase o paso cara unha nova época organizativa e de conquistas sociais para a clase traballadora de Portugal.

Dende o PCRG recordamos e reivindicamos o proceso histórico que foi para a clase obreira lusa a “Revolución dos Caraveis” e o avance que trouxo consigo para o proletariado portugués.

Sempre 25 de Abril! Sempre Grândola, vila morena!