8 de marzo, dia da muller proletaria

O proletariado, que nace da suor e máis da sangue derramada nas primeiras factorías da revolución industrial, asiste nos albores do capitalismo a un engrosamento masivo das súas fileiras mediante a incorporación masiva da muller ao traballo fabril. A muller, sobre a que históricamente se fixera recaer en exclusividade a carga do traballo reprodutivo, é forzada polos intereses da burguesía a asumir tamén boa parte do traballo produtivo. A fame de man de obra das clases dominantes é tal, que tamén milleiros de cativos serán incorporados ao traballo fabril ao carón das súas nais. É así como millóns de mulleres toman conciencia, por primeira vez, das formas concretas nas que pesa sobre elas a condición de oprimidas. É así como, por vez primeira, millóns de mulleres somos conscientes da nosa condición de proletarias.


O proletariado, que nace do maior dos sacrificios, é a nosa clase, e por iso temos claro que o comunismo é a nosa loita: a única loita posible no camiño á nosa propia emancipación. É sobre nós onde toma o capitalismo a súa forma máis cruel: obrigadas a soportar a dobre carga do traballo na esfera laboral e doméstica, acosadas pola violencia dun sistema que reduce os nosos corpos á categoría de mercadoría, despoxadas das nosas armas por campañas incesantes que buscan distorsionar a razón pola cal combatimos.


É por todo isto que hoxe asumimos, con máis forza que nunca, a nosa condición de mulleres proletarias e berramos con forza que o 8M non é o día da muller, senón o día da muller traballadora e só da muller traballadora. Non contento con reducir a nosa loita a unha mera efeméride, o capitalismo pretende agora despoxarnos incluso da nosa identidade, situándonos na mesma trincheira que a muller burguesa contra a nosa propia clase. Nós renegamos da trincheira da muller burguesa, que comparte intereses co home burgués. Nós somos fórtes, e facémonos fortes día a día na trincheira da nosa clase, porque sabemos que a loita da muller é unha loita de clases, unha loita das oprimidas contra os opresores.


As mulleres obreiras debemos asumir o noso papel como vangarda revolucionaria porque ninguén mellor que nós é consciente da necesidade de socializar o traballo. Nós, forzadas a sacrificar o noso lecer para seguir traballando dentro da casa, asumindo a carga total do traballo reprodutivo mentres se nos negaba o acceso a determinados postos dentro do mercado laboral, coñecemos de primeira man a necesidade de rachar as diferencias sociais ás que nos mantén atadas a cadea do traballo asalariado e do capital. Por iso hoxe, máis que nunca, rexeitamos as promesas dunha falsa emancipación promocionada polo sistema que busca empoderarnos reducindo os nosos corpos á categoría de ben de consumo –ben mediante a prostitución, ben mediante a chamada xestación subrogada, ben por outras vías– e reclamamos para a muller o verdadeiro poder que só pode vir da man do comunismo: a loita pola emancipación do conxunto da humanidade, que só chegará a través da vitoria final da nosa clase.