Entrevista ao camarada Isidro Román en nuevarevolución.es

Por Angelo Nero

Isidro Román Lago é o autor dun dos traballos imprescindibles para coñecer con profundidade a loita proletaria viguesa nos últimos anos do franquismo, Todos con Vigo!!! Mobilización obreira e Folga Xeral (1968-1972).

Angelo Nero: Neste libro apuntase como orixe do movemento obreiro a folga de Vulcano no 1962. Como era ese xerme de mobilización que desembocaría como cun furacán no Setembro Vermello do 72, nunhas condicións que non eran realmente propicias para a organización sindical?

Isidro Román: As folgas do 62 non son á orixe do movemento obreiro, son a primeira manifestación, despois da guerra civil en Vigo, da capacidade de mobilización e loita que continúan a ter os traballadores. A mobilización é un éxito tanto pola cantidade de traballadores que participan (sobre 15.000 traballadores en total entre o 10 e o 17 maio) como pola súa extensión ao conxunto da cidade. A organizan basicamente cadros do sindicalismo de preguerra da CNT, e mozos libertarios en unidade con elementos do PCE. Combina dous elementos, un altamente mobilizador, as condicións concretas dos traballadores en cada empresa, e outro, a solidariedade co que está a suceder en Asturias.

Angelo Nero: Daquela comezaban a agromar novas organizacións como ferramentas do proletariado, principiando polas Comisións Obreiras, que diferenzas, dende un principio, da central sindical constituída en 1976, cómo se artellaban aquelas primeiras Comisións Obreiras, e eran, en realidade, algo tan distinto do que remataría sendo CCOO?

Isidro Román: As Comisións Obreiras son estritamente o que o seu nome indica, comisións de obreiros cun obxectivo, ao principio concreto, circunstancial, e polo tanto, temporais, por exemplo negociar coa dirección dunha empresa unha prima para os traballadores. Isto é unha constante ao longo da historia do movemento obreiro, non é nada anovador. O que si introduce un cambio fundamental é cando estas Comisións inician o camiño da estabilidade, deixan de responder a un obxectivo inmediato.

Pouco a pouco, e directamente relacionado cos procesos de negociación dos convenios colectivos, dende a metade dos anos 60 en Vigo, en cada fábrica se irá constituíndo a súa Comisión Obreira. Son polo tanto organismos de base e de unidade de clase. Así atópaste como cadros de CNT, o militantes da USO, ou da UPG, son a súa vez membros da Comisión Obreira da súa fábrica. Non hai contradición porque as Comisións Obreiras non son unha estrutura sindical, son unha “organización” de representación unitaria da clase obreira. É dende este punto de vista onde hai que situar a miña afirmación de que aquel movemento das Comisións Obreiras é substancialmente diferente ao sindicato que se funda en 1976.

É 1976 coa creación do sindicato o momento de ruptura? Evidentemente non, non hai un momento concreto de ruptura, é un proceso onde se manifestan todo tipo de tensións internas nas que en todas subxace o mesmo, a “institucionalización” deste novo modelo de práctica sindical, entendendo por “institucionalización” a súa conversión dende unha especie de movemento social a unha organización formal: o avance nos diversos niveis de coordinación destas Comisión de fábrica (coordinación local, nacional, estatal, a coordinación sectorial…), o dotarse dunha infraestrutura mínima para a súa acción, o establecemento paulatino dos presupostos político-ideolóxicos… É nestes procesos onde comeza a disputa polo control e onde comezan as rupturas que farán que vaian perdendo aquel carácter de organismo de representación unitaria dos traballadores.

Angelo Nero: En 1961, dende “posicións cristiáns e a través da JOC e da HOAC” crease a USO, tivo este sindicato algún protagonismo nestas loitas levadas a cabo polo proletariado vigués nos anos sesenta e comezos dos setenta? E os antigos sindicatos da época republicana, conservaban algunha estrutura na nosa cidade, ou so tiñan algún militante espallado?

Isidro Román: Como tal organización sindical, a USO non tivo ningunha participación no proceso de mobilizacións de 1972 en Vigo. Si que participaron cadros das Comisións que foran formados tanto na HOAC como na JOC, pero USO como tal non tivo presenza ningunha. O desenvolvemento da USO en Vigo como organización é posterior. Si terán certo protagonismo noutra folga paradigmática en Vigo, a folga de Ascón de 1978.

Pero cando falamos da USO temos que alonxarnos da visión que nos evoca a súa organización actual. A USO que participa na folga de Ascón de 1978 é unha organización de carácter socialista autoxestionaria que a partir precisamente de finais dos anos 70 entra en profunda crise que provoca en Galiza, xa en 1980, a excisión do sector maioritario que pasa a chamarse Confederación Sindical Galega (CSG). Esta nova organización fusionarase en 1982 coa INTG.

Polo que respecta aos sindicatos de preguerra, a UGT era absolutamente inexistente na cidade en 1972, e a CNT aínda que conservaba certa estrutura, a realidade é que non conseguira reorganizarse despois das caídas e detencións da folga de 1962. Aínda así, existe presenza de cadros anarcosindicalistas con actividade nas Comisións, entre as que destaca a Comisión Obreira de CENSA.

Angelo Nero: O papel dominante do PCE, dende a clandestinidade, na loita política e sindical, é indiscutible, sen embargo, e como consecuencia da súa política de Reconciliación Nacional, iniciada en 1956, producíronse numerosas escisións no partido, mentres nas nacións sen estado comezan a aparecer forzas autóctonas dispostas a arrebatarlle a hexemonía, como na Galiza a UPG. que incidencia terán tanto o PCE como as novas organizacións xurdidas do seu seo, e as que serán o cerne do nacionalismo, no desenrolo das mobilizacións obreiras en Vigo?

Isidro Román: A importancia do PCE é absolutamente capital a partir de finais dos anos 60. Todos os procesos de mobilización dende estas datas non teñen sentido sen a súa presenza ate cando menos 1972. Incluso os seus competidores máis importantes á altura de 1972 proveñen do propio partido. Os procesos de debate e excisión do PCG en Vigo son tardíos, as primeiras novas parecen situar o inicio do cuestionamento da política de Reconciliación Nacional en 1969 e curiosamente dende sectores obreiros, non entre a mocidade estudantil que é o máis habitual. As mocidades comunistas iniciaran a súa propia crítica en 1970 e os dous grupos confluirán un ano máis tarde. Da fusión deles nacerá Organización Obreira que racha definitivamente co PCG e as COs a principios de 1972. Polo tanto a “competencia” entre os dous actores ten un percorrido moi curto antes da Folga Xeral de Setembro e as forzas son moi desiguais, aínda que O.O. estaba a experimentar un grandísimo crecemento sobre todo a partir da folga de Barreras de maio de 1972.

Pola outra banda, a UPG non era rival a estas alturas para PCG e a súa presenza no mundo do traballo era moi cativa, unha célula en Barreras (animada por Moncho Reboiras) e outra en Citröen (que proviña de Galicia Socialista de Camilo Nogueira) e pouco máis. Pero, si é certo que eran absolutamente conscientes desta eiva e estaban nun proceso de creación dunha Fronte Obreira que os introducira definitivamente no mundo do traballo, como así foi anos máis tarde.

Angelo Nero: No teu libro dedicas un apartado ó contexto socioeconómico o que se inxire a mobilización obreira, cal era ese contexto particular na comarca de Vigo, que nestas décadas tivera un especial desenrolo industrial?

Isidro Román: Vigo é unha cidade que efectivamente ten un forte crecemento económico que se reflicte na redución da poboación activa no sector primario, no crecemento moderado do secundario e forte crecemento do sector servizos entre 1960 e 1970. Hai un dato curioso falando en cifras absolutas, o digo case de xeito anecdótico, pero reflicte o carácter da cidade. En 10 anos, entre 1960 e 1970, o sector primario perde 1.386 traballadores en Vigo, non obstante, nos seguintes 21 anos, entre 1970 e 1991 tan só perde 380 traballadores. Ou sexa, si nin hoxe en día somos unha cidade, cidade, imaxínate naquel entón. Isto fai que a composición de clase sexa un tanto peculiar, xa que existe un forte mantemento como actividade secundaria da agricultura.

A esta característica “nosa”, historicamente nosa, hai que engadirlle o tipo de man de obra que maioritariamente vese atraída polo desenvolvemento económico da cidade. Estamos a falar principalmente de emigración pendular, ou sexa traballadores que proveñen da contorna do concello, que traballan na cidade e volven ao saír do traballo ao seu lugar de orixe. E polo que respecta a emigración con desprazamento cara a cidade da residencia está protagonizada maiormente por mulleres que fornecerán o sector primario e a industria conserveira.

A nivel industrial destaca a instalación de Citröen a finais dos 50 e o desenvolvemento do sector da construción naval ligado aos grupos empresariais tradicionais da cidade e serán os subsectores que máis mano de obra empreguen.

Demográficamente na década 1960-70 se experimenta un crecemento de practicamente 50.000 habitantes que hai que cualificar de espectacular. Pero este crecemento orixina grandes deficiencias infraestruturais entre as que as máis destacadas son a deficiencia na rede de sumidoiros e na traída de auga potable. Deficiencias concentradas nas zonas de maior densidade de poboación obreira e case inexistente nas zonas “nobles” da cidade, o que nos fala que no que atinxe a ocupación do espazo urbano a condición de clase é tamén definitoria.

Angelo Nero: Aínda que formalmente non existira daquela, CCOO tentou facer como seu o patrimonio da loita do 72, xa que moitos dos seus cadros xurdiron dela, máis cumpre rescatar a outros nomes que tiveron tamén o seu papel, como Abelardo Collazo, cales foron os principais líderes das mobilizacións obreiras de comezos dos setenta en Vigo?

Isidro Román: Dende un primeiro momento, meses despois da Folga de Setembro, comeza a elaborarse o relato das mobilizacións por parte do PCG-Cos e é este relato o que se converteu en dominante. A premura para a súa elaboración ben determinada polo carácter que o PCE-PCG quería imprimirlle ao conflito, unha folga de carácter político inxerida dentro da súa política de Reconciliación Nacional, urxía pois “facerse” responsable único da potentísima mobilización para incluíla dentro dos “argumentos” a presentar para gañar o recoñecemento como actor certificado nas hipotéticas negociacións posteriores á caída do ditador.

Sobre os líderes obreiros que participaron na folga pasa o mesmo que có relato. Case todo o mundo coñece os oficiais, os que reciben honras e entrevistas, e que efectivamente desenvolveron un papel esencial (Waldino Varela, Carlos Barros, os irmáns Cameselle, Margarita de Álvarez…) Pero os outros, os que non entran dentro dese relato dominante quedaron escurecidos, en certa medida borrados e o seu papel foi tan importante ou máis para entender o proceso mobilizar do 72 en Vigo. Entre eles tamén se poden mencionar moitos, Xose Anxo de Freire, Xaime Garrido de CENSA, Carmen Cayetano de Alvarez, Urbano Medraño de Vulcano, Anxo Guisande de Ascón…

Pero, mencionas na túa pregunta a Abelardo Collazo. Para min Abelardo Collazo é esencial en todo o proceso, a crítica que fai á direción do PCG, as súas propostas de extensión dos conflitos obreiros máis alá das propias factorías levando a loita aos barrios para implicar a toda a cidadanía… cando se fala de Abelardo xeralmente a todo o mundo venlle á cabeza o asunto da violencia revolucionaria, da loita armada, pero eu penso que sendo iso importante nel (tan importante que lle levou a perder a vida), hai esas outras contribucións que en 1972 foron definitorias e impregnaron toda a acción dos traballadores.

A loitas do 72 foron loitas colectivas de liderado coral pero si penso que hai que destacar e salientar a un traballador en concreto como símbolo de loita, de honestidade e coherencia, e este non é outro de Ramón González Costas, Moncho de Barreras. Innovador nos repertorios de mobilización empregados dende maio de 1972, el é quen se dirixe aos traballadores de Citröen no primeiro dia de folga para infundirlles ánimos e mostrarlle a solidariedade dos traballadores de Barreras; perseguido, exiliado e en moitos momentos da súa vida, tamén abandonado. Seguro que el considera excesivas estas palabras.

Angelo Nero: A finais do 71 houbo unha escisión nas Comisións Obreiras que deu lugar a Organización Obreira, máis esta tamén afectou ó PCG, chegándose a afirmar no teu libro que “a xuventude do PC foise toda”, que consecuencias tivo esta escisión no movemento obreiro vigués no transcurso das folgas que se desenrolarían ó ano seguinte?

Isidro Román: A consecuencia inmediata e evidente foi que a partir da aparición de O.O. o PCG e máis as Comisións tiveron un competidor. É certo que a importancia cuantitativa da O.O. non era nin similar á do PCG, pero a súa influenza comezaba a facerse notar nas empresas. O seu primeiro éxito prodúcese en abril de 1971 nun conflito nunha pequena empresa de electricidade, Kober onde acadan todas as reivindicacións (aumento salarial e medidas de seguridade laboral) dos traballadores e conseguen a readmisión dos que resultaran despedidos, pero cando se demostra verdadeiramente a capacidade da nova organización é na folga de Barreras de en maio de 1972. Precisamente pola presenza maioritaria de O.O. o desenvolvemento da mobilización non se parece en nada a calquera outro conflito precedente: o proceso asembleario, a extensión do conflito fora do marco da factoría, a implicación dos veciños dos barrios obreiros, a innovación no repertorio de mobilización coa aparición das manifestacións volantes… E despois de por en práctica este novo xeito de mobilizarse, a vitoria dos traballadores, fai que o crecemento da O.O. sexa espectacular.

Na Folga Xeral de Setembro volven a poñerse en práctica todas as innovacións que se ensaiaron con éxito en Barreras, pero o ámbito da folga de setembro é substancialmente máis grande que a de maio e aínda que a O.O. medrara e continuaba a medrar non foi capaz de capitaneala, si de radicalizala e darlle máis protagonismo ás asembleas, pero cando PCG-Cos decidiu que había que volver ao traballo, O.O. foi absolutamente incapaz de soster a mobilización.

Angelo Nero: Marzo do 72 fica xa no imaxinario do movemento obreiro galego, máis, cal é a cronoloxía da folga, ou deberíasmos falar de folgas, en plural, pois foron varias as que se produciron nese ano?

Isidro Román: Marzo do 72 ficou, efectivamente, no imaxinario do movemento obreiro galego polas súas tráxicas consecuencias, o asasinato de dous traballadores. Dende o meu punto de vista os procesos de mobilización do 72 en Vigo son cualitativamente máis importantes que as mobilizacións de Ferrol de marzo. E non podemos perder que vista que os imaxinarios son construcións, e con eles as presentacións simbólicas. Queda por estudar como se constrúe este símbolo, en que momento e por quen ou quenes se transforma dunha “simple” data a lembrar no o 10 de marzo, no Dia da Clase Obreira Galega.

Angelo Nero: A asemblea era un dos principais motores da mobilización e un dos principais órganos de decisión, que moitas veces se realizaban onde se podía, unhas veces nas fábricas ou na rúa, e outras en campos ou no monte, máis tamén había outras moitas expresións de loitas novidosas, como os saltos, os sabotaxes e os comandos. como se celebraban estas asembleas e en que consistían estas formas de loita que lle deron as mobilizacións de Vigo un clima insurrecional?

Isidro Román: Todas esas formas de loita que mencionas, os saltos, a sabotaxe, os comandos, xa estaban no repertorio de mobilización antes de 1972, non son innovacións deste proceso de mobilización. A sabotaxe está nos repertorios de mobilización dende cando menos o século XIX en toda Europa e non os abandona ata datas relativamente recentes. Os comandos e os saltos son adaptacións doutro tipo de acción (a manifestación e o simple reparto de propaganda política) á realidade concreta dunha ditadura. Ante a imposibilidade de manifestarse dun xeito legal e sobre todo ante o custe que ten caer detido por manifestarse, os traballadores inventan un sistema que reduza custes e que posibilite a irrupción no espazo público, aparecen entón os saltos, pequenos grupos de persoas que ocupan a rúa, detendo ou molestando ao tráfico, berrando consignas e/ou repartindo propaganda. É precisamente o reparto de propaganda a misión fundamental dos comandos.

Que acontece con estes elementos do repertorio a partir de maio de 1972 en Vigo? Que para desenvolver unha nova visión do conflito, a que propón a O.O., sofren unha modificación. Si o que se pretende é trasladar o conflito ao conxunto da cidadanía a través da alteración da vida cotiá dos cidadáns os saltos non son as accións axeitadas porque a súa incidencia é pequena, polo tanto aparecen os saltos simultáneos, dous, tres, catro saltos en diferentes lugares ao da cidade e ao mesmo tempo para lograr transmitir unha sensación de conflito xeralizado dotando de visibilidade a problemática laboral concreta. Pero os salto simultáneos pronto mutan tamén no medio da folga de maio, creándose as manifestacións volantes. Cun maior número de participantes que os saltos, as manifestacións volantes buscaban provocar o caos cun baixo custo. Tratábase dunha pequena manifestación que cortaban a circulación nun punto concreto da cidade ata a chegada da policía, momento no que se disolvía. Cando unha manifestación volante disolvíase aparecía unha nova manifestación volante noutro punto da cidade e volvíase a actuar igual.

Polo que se refire aos comandos tamén teñen unha mutación nas mobilizacións de maio, e se empregarán a gran escala na de Setembro. A misión de reparto de propaganda orixinal desaparece totalmente converténdose en pequenos grupos de traballadores que tiñan como obxectivo o hostigamento das forzas policiais. Xeralmente este hostigamento tiña como misión despistar a acción da policía cara eles e así deixar sen “atender” unha asemblea de traballadores. Chegaron a converterse nunha especie de grupos de defensa das asembleas.

Angelo Nero: Con todos estes antecedentes chegamos ó chamado Setembro Vermello, que resultou un punto de inflexión no movemento obreiro na cidade, como se desenrolaron os acontecementos de setembro do 72 que desembocaron na Folga Xeral indefinida que paralizou Vigo?

Isidro Román: A Folga Xeral de Setembro é unha folga buscada e preparada, cando menos o seu estourido polo PCE-PCG que busca un conflito obreiro para dotarlle cunha compoñente política inscrita dentro da estratexia de Reconciliación Nacional. O conflito xéstase dende cando menos xuño dese mesmo ano e a empresa escollida foi Citröen. O paro inicial na factoría de Citröen, que reivindica o descanso o sábado non é seguido pola maioría dos traballadores fábrica. Eu penso que de non acontecer nada máis a situación non pasaría de aí. Non obstante a direción da empresa decide despedir aos membros da CO de Citröen que instigan o paro. Aí cambia todo radicalmente. Tanto a O.O como a UPG que se mostraban contrario á folga en Citröen pasan a apoiar as mobilizacións en demanda da readmisión dos despedidos, e o conflito, que en principio, só afectaba a unha empresa, se fixera xeral. Coa experiencia da vitoria sen ningún despedido na folga de Barreras,  os traballadores lanzáronse outra vez a facer real a súa consigna: ou todos ou ningún.

Angelo Nero: Setembro do 72 remata coa quebra da unidade sindical e da comezo ó ciclo da represión, cal é a valoración que fas do remate da Folga Xeral?

Isidro Román: Aínda que a folga remata o día totalmente o día 26 de setembro, a descoordinación total prodúcese a partir do 23, non obstante as primeiras manobras de cara a volta ao traballo son moi anteriores. O dia 18 fanse ou primeiros chamamentos máis o menos velados á volta ao traballo por parte do PCG-PCE. Evidentemente, O.O. non estaba dacordo en rematar a mobilización dese xeito, pero a realidade é que non tiña aínda suficiente implantación como para levar adiante unha folga de semellante tamaño e a maiores o día 20 cae o aparello de propaganda polo que lle é imposible informar ou alentar aos traballadores en folga.

Sobre a cuestión de si se pode considerar un fracaso, hai que definir primeiro dende que perspectiva estamos a falar. Si o facemos dende a perspectiva do PCG-PCE é unha grande vitoria, si o facemos dende os obxectivos explícitos da folga, a readmisión dos primeiros despedidos de Citröen, é un fracaso, xa que non só non se conseguiu, senón que ao final hai centos de despedidos.

Tamén podemos velo dende unha perspectiva xeral, da capacidade dos traballadores para, incluso nun contexto de ditadura, poder paralizar unha cidade industrial durante 15 días e poñendo en xaque a todas as forzas represivas. Isto fálamos da capacidade de organización e da arma (como elemento de mobilización) que era a solidariedade, porque no fondo a Folga Xeral de Setembro é unha folga de solidariedade.

Angelo Nero: Cincuenta anos despois daquelas mobilizacións, da Folga Xeral do 72, pensas que é preciso recuperar a memoria daquela importante loita obreira? Que pode reivindicar o sindicalismo de hoxe do que se facía entón, nun contexto tan diferente e con ferramentas ben distintas?

Isidro Román: Non só é importante, é fundamental. Hai que recoller as experiencias de todos os participantes, aínda que xa pasaron 50 anos moitos aínda están con nós e é imprescindible que non pase como coa memoria dos antifascistas de 1936. Non se trata tan só de recoller o que nos teñen que contar os líderes, senón todas aquelas persoas que participaron porque as súas vivenzas son únicas e interesantes. Por exemplo, ti durante a entrevista, falas de momento de “insurxencia”, pois durante todas as horas de entrevistas que fixen para o libro, só unha persoa mencionou esa palabra, e mencionouna como unha sensación, o que sentía ela naquel setembro de 1972, foi unha militante de base, estudante de O.O., Luisa Raposo. Poder rescatar esas visións é imprescindible