O Pobo permanece, a URSS vive!

Hai tres décadas, no nadal de 1991, un golpe de estado precedido de movementos desestabilizadores, precipitaba o colapso e desaparición da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. Un proceso este, que se viña acelerando dende a desaparición do muro antifascista de Berlín e a entrada brutal do capitalismo tanto na República Democrática Alemá como no resto de democracias populares do chamado Bloque do Leste europeo. Liquidáranse anteriormente o Pacto de Varsovia (xullo) e o Consello de Axuda Mutua Económica (xuño).

A Unión Soviética, primeiro estado obreiro e campesiño da historia, xa fora desvirtuada décadas antes polo revisionismo jruscheviano e a posterior nomeclatura reformista, con escasas excepións. Porén, a existencia da URSS, mantiña a raia militarmente ao imperialismo-capitalismo internacional, servía de apoio aos movementos comunistas e de liberación nacional de todo o mundo e axudaba a tecer unha rede de solidariedade económica entre nacións irmás, tanto en Europa como nos continentes que encetaban os procesos de descolonización.

O colapso e desintegración da Unión de pobos libres supuxo unha vitoria simbólica para as teorías neocons e ultraliberais e unha barra libre para o capitalismo poder entrar en territorios que tiña vetados ou complicados. Así, a maquinaria propagandística vendeu a idea da Fin da Historia, a maquinaria económica implatou a globalización ou mundialización e a maquinaria bélica engraxou e fortaleceu a OTAN arrasando con Iugoslavia, Oriente Medio, África… e recuperando os golpes de estado contrarrevolucionarios para desestabilizar América Latina e Asia.

As condicións de vida do proletariado internacional emperoraron ao redor do mundo. O sistema capitalista, borracho de éxito, fixo retroceder décadas os dereitos laborais e democráticos de toda a humanidade. Implatouse en todo o globo a relixión única e verdadeira do Capital: o consumismo.

En Galiza e no Estado, moitas organizacións e partidos obreiros renunciaron ao socialismo e tiveron a escusa para pechar con éxito as súas derivas e renuncias (eurocomunismo, ecosocialismo…) que tan só atoparon resistencias moi concretas. No noso País, tan só o comunismo galego de praxe independentista realizou as análises axeitadas para o momento e continou coa súa actividade política alumeada polo marxismo-leninismo.

30 anos despois, as xeracións máis novas non coñecen o que é vivir sen unha crise económica enriba. As capas máis novas da clase traballadora non teñen perspectivas vitais, laborais ou de poderen formar unha familia. A precariedade imponse como algo normal, as condicións de vida son cada vez peores e os Amos volven botar man do fascismo para nos atemorizar, agredir e condicionar.

Porén, 30 anos despois xa abonda de nos lamber as feridas e de lamentarnos pola derrota. Non queda outra que erguer a bandeira do comunismo, da solidairedade fraterna, da unidade de clase. Cómpre aprender dos erros do pasado e reivindicar os acertos da nosa historia, cómpre organizarse e tomar Partido: aprender da Comuna, dos Soviets, das bolxeviques, das partisanas… para sermos, de novo, ferreiros dun mundo mellor.